A choiva axuda, pero non é suficiente

A madrugada chegou e con ela viñeron as chuvias torrenciais. Dende as cinco da madrugada as nubes que pasaban por riba da cidade empezaron a chover con forza, todo apuntaba a que esto melloraría a situación dos incendios, pero non foi suficiente, aínda que axudou a controlar os lumes.

Nestes intres, e segundo afirmou o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, na provincia a evolución dos lumes é moi positiva quedando só 4 activos, dous estabilizados e catro controlados. A boa nova é que xa se desactivaron todas as situacións dous de emerxencia co que xa non corren perigo as vivendas. 

Todo iso como resultado da acción dos equipos de extinción. “Xa non hai risco para vivendas, tanto en Cervantes (nas parroquias de Donís e Noceda) como xa onte nos incendios rexistrados en Friol (Anxeriz), Monforte (Chavaga) e Pantón, todos eles estabilizados”, anunciou Balseiro esta mañá.

Ante as queixas da poboación que vía unha clara falta de medios á hora de loitar contra as lapas, Balseiro deixouno claro: “se ben hai medios de extinción todo o ano, que obviamente reforzamos nas épocas de maior perigo que son os meses de verán, ante circunstancias climatolóxicas excepcionais como as que vivimos estes días, habilitáronse tamén medidas excepcionais de resposta, potenciando os medios propios e contando co apoio do Exército e dos concellos.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, asegurou que o concello xa están extinguidos e controlados os lumes polos que xa non hai reforzos nas zonas, aínda que si continúan a revisar a zona de cada pouco. Méndez non quixo facer moita valoración dos movementos da Xunta ante os incendios, “non é solo accións puntuais, creo que non se fixo unha política axeitada neste sentido“. Asemade, a rexedora lamentou a situación pola que está a pasar o Concello de Cervantes “que lle traerá graves consecuencias”.

Asemade, os grupos da corporación municipal lucense, xa están a traballar na mellora de condicións nos montes contra os incendios. Así, a voceira de Cidadáns, Olga Louzao solicitou esta mañá á alcaldesa, Lara Méndez, que “planifique un calendario de desbroces durante todo o ano na zona rural do concello para que, no caso de producirse un lume, se manteñan a salvo as vivendas e se minimicen as consecuencias dos incendios”.

Mentras tanto, Cidadáns Galicia, tramitou esta mañá unha proposta non de lei na que pide que se liberen os fondos para axudar a paliar os efectos dos incendios en Galicia. “Agora que a choiva está axudando a apagar os lumes esparcidos por todo Galicia, é a hora de establecer medidas en varios sensos: en primeiro lugar hai que axudar aos afectados a recuperar a súa vida normal con axudas directas tanto para a rehabilitación das súas vivendas queimadas como para que as explotacións gandeiras e agrícolas podan retomar a súa actividade”, expresou a voceira de Cidadáns.

Pola súa banda, Lugonovo levará a Pleno unha proposición para instar á Xunta de Galicia a modificar a actual política forestal do país e a diminuír o número e a repercusión dos incendios que se rexistran na comunidade.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com