O Grupo Municipal do Partido Popular presentou unha proposición de pleno na que solicita a adhesión ao convenio de colaboración que o pasado 10 de outubro asinaron Xunta e Fegamp e na que se creaba a figura dos Concellos que fan empresa en Galicia (Concello Doing Business). O voceiro do Grupo Popular, Antonio Ameijide, explicou que “ao sumarse a este documento o Concello de Lugo se comprometería a ofrecer bonificacións no IBI (Imposto Bens Inmobles), IAE (Imposto de Actividades Económicas) e o ICIO (Imposto sobre Construcciónes, Instalacións e Obras) ás empresas que se instalen no termo municipal a cambio dun compromiso de creación de emprego”.
O popular puntualizou que “recibirán ata o 95% de bonificación cando o proxecto implique a creación de máis de 20 postosde traballo; de ata o 75%, cando supoña a contratración de entre 11 e 20 persoas; e como mínimo beneficiaranse dunha rebaixa do 50% nestes importos se son ata 10 o número de empregos previstos”.
Outro aspecto que recolle este protocolo é a necesidade de axilizar os trámites administrativos e se marca como obxectivo a resolución en 30 días das licenzas de obra maior. Ameijide puntualizaba que “neste momento en Lugo este trámite se eterniza chegando a demorarse ata 2 anos”. Coa adhesión a esta iniciativa da Xunta de Galicia, outro dos compromisos que asumiría o concello de Lugo sería o de “non esixir a taxa por licenza de obra e apertura en todos os proxectos empresariais vinculados aos obxectivos da Industria 4.0 e dos que estivesen relacionados coas novas tecnoloxías e da estratexia de especialización inteligente que ten implementada a Xunta de Galicia en I+D+i”.
“Queremos que Lugo forme parte das administracións que colaboran co emprendedor para crear postos de traballo” matizou “non podemos deixar que se perdan oportunidades de negocio, queremos que Lugo sexa un lugar atractivo para o investimento, a alcaldesa e o seu equipo deberían ter altura de miras e asumir un papel de comercial dos reclamos que ten o municipio”. En definitiva, concluiu Ameijide “tendo en Lugo un polígono cinco estrelas onde implantarse, como é o das Gándaras, o que se precisa son máis incentivos fiscais e menos papeleo administrativo”.