A Alcaldesa participa na inauguración da 8ª Feira Outlet

A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, participou este martes na inauguración da VIII edición da Feira Outlet, un certame organizado pola Asociación de Autónomas, en colaboración co Concello e a Deputación, no que 30 comercios ofrecen entre hoxe e o xoves descontos de entre o 50 e o 80%. No acto participaron os concelleiros de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto; Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana González Abelleira,; e Medio Rural e Deportes, Miguel Fernández, ademais da presidenta da asociación de autónomas, Marta López, o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, e membros da Corporación municipal.

A Alcaldesa destacou que os datos da Feira Outlet, unha “cita xa ineludible despois do San Froilán”, corroboran a súa importancia, tanto polo número de edicións, como polo volume de negocio xerado, uns 100.000 euros -3.500 por negocio- o ano pasado. Con iniciativas coma esta, o Street Market e a Noite Aberta, “moitos negocios poden acadar beneficios ao final do ano, que doutro xeito non lograrían”, asegurou Méndez, que, neste senso, ademais da “calidade e a calidez na atención” que ofrece o comercio de proximidade, valorou a súa “capacidade para reinventarse”.

A Feira Outlet estará aberta na carpa situada detrás da Casa do Concello en horario de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas. Ofrece artigos de zapatería, téxtil, xoiería, mercería, óptica, lencería, bixutería, fogar, pel, complementos ou agasallos.

Loita contra as especies invasoras

Pola súa banda, o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, supervisou as tarefas realizadas por un grupo de medio cento de alumnos e alumnas do CEIP Rosalía de Castro no marco dunha xornada divulgativa e demostrativa de voluntariado para a eliminación de plantas alóctonas invasoras. O Concello colabora
deste xeito cun proxecto galego, impulsado polo Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) co fin de fomentar a participación e o compromiso da cidadanía na conservación do medio ambiente e a promoción da sostibilidade ambiental.

Aprender música sen recursos

O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, anunciou que a Xunta de Goberno aprobará mañá a creación dun Banco de Instrumentos na Escola Municipal de Música, unha novidosa iniciativa “que ten como obxectivo facilitar a aqueles nenos e nenas con menos recursos a posibilidade de tocar o instrumento que queiran”. Núñez explicou que nesta primeira fase, o Banco, un dos poucos asociados a unha Escola de Música que se pon en marcha en Galicia, ofertará 30 instrumentos, “que se irán ampliando paulatinamente e que serán entregados aos alumnos en base á renda familiar”. 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com