EU rexeita o tramite do proxecto de Lei sobre a Custodia Compartida Imposta

A Agrupación Comarcal de Esquerda Unida en Lugo quere amosar o seu rexeitamento á aprobación por parte dos grupos parlamentarios do PP e PSOE de que o Parlamento galego tramite un proxecto de Lei sobre a custodia compartida imposta. Esquerda Unida, en consonancia coa Área Federal da Muller de Izquierda Unida, está en contra de que se impoña por lei a custodia compartida de fillas e fillos como unha medida habitual e xeneralizada, é dicir, que se deba executar aínda cando non haxa mutuo acordo entre os proxenitores, tal e como establece a ILP defendida esta semana no Parlamento de Galicia.

Isabel Sánchez, coordinadora comarcal de Esquerda Unida Lugo e membro da Área da Muller de IU, considera que “a custodia compartida só é viable naqueles casos nos que existe un acordo de cooperación entre as partes. En caso contrario os seus efectos son moi negativos para a autonomía e dereitos das mulleres, dado que se lles obriga a manter un tipo de relación co pai que poden non desexar”. Dita relación obrigada pode desembocar tambén nunha situación de inestabilidade moi perxudicial para os/as menores, co perigo para a súa integridade física incluida, ademáis de favorecer a aqueles maltratadores que pretendan impoñer a súa presenza na vida das súas ex parellas. “Hai que ter en conta que un salientable número de mulleres non denuncian as situacións de violencia de xénero á espera de conseguir un divorcio que lles permita alonxarse do seu agresor”, sinala Sánchez.

Isabel Sánchez lembra que Izquierda Unida leva expoñendo públicamente dende hai anos e incluindo no seu programa electoral a súa postura sobre este asunto tan sensible: “Xamais colaboraremos e non permitiremos co noso voto, nin por acción nin por omisión, a imposición da custodia compartida como preferentes en ningún desenvolvemento normativo ou regulamentario”. Esquerda Unida coincide deste xeito coa maioría das organizacións feministas, que ven a custodia compartida imposta como un retroceso nos avances conquistados polas mulleres. “Se se leva adiante tanto a nivel estatal como autonómico a imposición legal da custodia compartida imposta, responderemos contundentemente tanto dende as institucións como dende as rúas para impedir un novo ataque aos dereitos das mulleres”, remarcouSánchez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com