A Carreira Solidaria Viesgo Race Night volverá a iluminar a cidade de Lugo

O Concelleiro de Deportes e Medio Rural, Miguel Fernández, o responsable de Viesgo en Lugo, Luis García, a presidenta do Banco de Alimentos de Lugo, Amadora Núñez, e unha das organizadoras da proba, Sandra Nozal, presentaron esta mañá, a quinta edición da Carreira Solidaria Viesgo Race Night, que se celebrará o vindeiro sábado 11 de novembro.

No acto, Miguel Fernández lembrou que “esta proba dá o pistalotezo de saída ao importante número de carreiras populares que teñen lugar na nosa cidade, entre as que se atopa o Corre Con Nós, a Lugo Monumental, ou o Medio Maratón e que contan cun importante numero de afeccionados”. O edil tamén destacou “a importancia de que a carreira, plenamente consolidada, transcorra pola Muralla, poñendo en valor parte do noso Patrimonio da Humanidade iluminado polas lanternas de cada persoa que participa e tamén polo carácter solidario desta competición”.

Pola súa banda, Luis García agradeceu “a colaboración do Concello neste tipo de eventos, facendo posible que a competición de Lugo sexa a máis veterana destas probas que se celebran en varias cidades de España e coa que se  promove a solidariedade da cidadanía”. Finalmente, Amadora Núñez explicou que a recadación deste evento ingresarase nunha conta do Banco de Alimentos de Lugo para mercar ovos, que é un dos alimentos básicos para as familias que necesitan a axuda.

As probas e os seus percorridos, que van dende o trazado pouco esixente dos benxamíns con 500 metros, ata os preto de 5 quilómetros dos adultos, teñen como punto de partida, en todos os casos, a Praza Maior, diante da Casa do Concello. Está prevista a asistencia dunhas 1.500 persoas, entre nenos, nenas e adultos.

Nesta edición, como novidade, é posible adquirir un dorsal cero, doando a cantidade que se desexe a través da páxina web da carreira. Ademais, o deportista Alberto Contador dará as saídas das distintas categorías.

Os interesados en participar poden inscribirse en www.viesgonightrace.com. As distintas categorías teñen diferentes prezos, que van dos 2 euros dos nenos aos 7 dos adultos, e terán descontos os grupos que se inscriban compostos por máis de dez persoas e as familias numerosas. Todo o diñeiro recadado irá destinado integramente ao Banco de Alimentos de Lugo. Pódense facer achegas individuais nunha carpa situada na Praza Maior o día da competición, sen ter que competir nas probas, a través de donativos ou de alimentos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com