Os galegos vivimos estes días, por mor da vaga de lumes, unha situación que nin os máis maiores lembran. Como se dixo en distintas ocasións, e través de distintas canles de comunicación, Galicia non ardeu, a Galicia queimáronnola.
Aproveitouse a situación meteorolóxica para destruír o noso patrimonio natural, provocar importantes danos materiais e, o que é máis grave, levarse por diante vidas humanas.
Foi, sen lugar a dúbidas, un feito sen precedentes. O furacán Ophelia alcanzaba forza 3 e achegábase ás costas atlánticas peninsulares, ocasionando fortes rachas de vento que azoutaron a Comunidade a pasada fin de semana; circunstancias que moito teñen que ver coa rápida expansión dos lumes e ás que hai que engadir temperaturas inusualmente altas e unha falla de humidade que fixeron o cóctel perfecto para o incendio perfecto.
Foron horas moi complicadas e de moita tensión, nas que os equipos de extinción fixeron un traballo extraordinario, pois estas condicións adversas provocaron que os lumes fosen moi difíciles de extinguir.
Por tanto, a orixe desta vaga de lumes non foi a falla de prevención, senón a actividade incendiaria. Non hai máis que ver que os incendios non ocorreron só en zonas de monte, senón tamén en zonas urbanas e cerca de vivendas, como foi o caso dos lumes de Vigo.
Todo apunta a que foron provocados, tanto en Galicia como en Asturias, cun impacto brutal, ocasionando un auténtico terrorismo ambiental que atenta contra o noso patrimonio, e que debe ser perseguido.
Neste senso, dende a Federación de Veciños queremos recoñecer a profesionalidade e a valentía coa que actuaron os axentes implicados na extinción, así como ao do pobo galego que demostrou ser exemplar cunha unión e solidariedade excepcionais. Todos eles son uns heroes. Estiveron cos afectados, arrouparon ás familias da vítimas e traballaron para frear un peor desenlace.
Consideramos tamén que a resposta da Xunta de Galicia foi exemplar para atallar a voracidade das lapas e para evitar un mal maior, como tamén o foi a posteriori, arbitrando nun tempo récord un paquete de axudas directas destinadas aos danos provocados, unha vez que os galegos xa non corríamos risco ningún.
Para rematar, dende a Federación de Asociacións de veciños queremos rexeitar enerxicamente este tipo de prácticas delictivas, agardando que unha situación deste calibre non volva a producirse, e que a normalidade chegue canto antes a todas as aldeas, lugares e persoas afectadas.