A Consellería de Sanidade inicia hoxe, luns 23 de outubro, a campaña anual de vacinación fronte a gripe, que se prolongará durante as próximas dez semanas, ata o seu remate o 29 de decembro. Como cada ano o obxectivo desta iniciativa é minimizar o impacto da gripe na saúde da poboación lucense mediante a vacinación, tentando diminuír o número de casos e a gravidade das complicacións derivadas de padecela.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do xerente da estrutura de xestión integrada provincial, Ramón Ares, e da xefa territorial da Consellería de Sanidade, Begoña Seco, explicaron en rolda de prensa os pormenores dunha campaña que aspira a incrementar os datos de poboación protexida.
Así por exemplo, indicaron que a provincia de Lugo contará con 154 puntos de vacinación repartidos ao longo de todo o territorio: desde os centros de saúde, aos hospitais da rede Sergas, centros sanitarios privados, residencias da 3ª idade e outros centros con residentes susceptibles de beneficiarse desta vacinación, como poden ser os penitenciarios ou os que acollen a persoas con discapacidade, entre outros. Ademais ao igual que o ano pasado, a Consellería de Sanidade conta co portal web http://gripe.sergas.gal onde ofrece a información técnica e de xestión para profesionais sanitarios e con aspectos prácticos para a cidadanía.
A campaña de vacinación fronte a Gripe 2017 diríxese a todas as persoas con 60 ou máis anos e ás persoas de 6 meses a 59 anos que pertenzan a algún grupo de risco. Aquí estarían incluídas ás persoas con enfermidades crónicas cardiovasculares ou respiratorias; persoas institucionalizadas con procesos crónicos; persoas con enfermidades metabólicas crónicas (diabetes) ou inmunodeficiencias; os nenos e adolescentes -a partir de 6 meses- con tratamentos prolongados de aspirina; persoas con obesidade mórbida; e mulleres embarazadas.