O Coordinador Comarcal de Esquerda Unida, Ramón Vázquez e o Candidato de EU, Carlos Portomeñe, fixeron hoxe declaracións para denunciar o emprego de recursos e instalacións públicas no inicio de campaña por parte do candidato á alcaldía, José López Orozco.
Para Ramón Vázquez “resulta absolutamente inadmisible que os veciños e veciñas paguen sendos anuncios a toda páxina na prensa escrita de hoxe, con anuncios sobre un programa de emprego e outro de ocio e formación, o mesmo día que o actual alcalde fai a presentación pública da súa candidatura”. O coordinador comarcal afirmou ademais que “imos demandar, a través dunha moción, que se faga público o custe dos anuncios publicados hoxe e esixir que o señor Orozco se pague a campaña cos recursos do seu partido e non co diñeiro da cidadanía”
Pola súa banda o candidato de EU para as vindeiras eleccións municipais, Carlos Portomeñe, fixo unha valoración da presentación oficial da candidatura de López Orozco realizada hoxe. En verbas de Portomeñe “resulta todo un símbolo da candidatura de Orozco que se tivera presentado no MIHL, unha construción faraónica de mais de 10 millóns de euros, que ten 25 visitantes diarios segundo os datos oficiais, que sofre inundacións e precisa bombas de achique”. Portomeñe afirmou que “EU quere saber se o resto das organizacións políticas da cidade, van ter a súa disposición as instalación culturais do concello para actos políticos e criticou a dificultade que teñen as organizacións sociais e as asociacións culturais para contar con salas e instalacións, mentres o señor Alcalde se reserva un museo municipal para presentar a súa candidatura”.
O candidato de EU rematou afirmando que “o señor Orozco ten iniciado unha precampaña electoral ao mais puro estilo cacique, empregando a publicidade institucional no seu propio beneficio, facendo visitas ás obras e anunciando inauguración scomo a realizada este mércores na Ponte de Paradai e poñendo a súa disposición as instalacións publicas”, para rematar afirmando que a “maquinaria institucional e clientelar para a campaña electoral de Orozco xa está en marcha, pero non lle vai a servir para manterse no poder”.