O xuízo pola operación Campeón arrancou esta mañá, centrado no empresario lucense Jorge Dorribo quen chegou a declarar que quedou “sen nada, quitáronmo todo”. Ao redor das 10.30 horas desta mañá arrancou esta vista oral dun caso controvertido sobre presuntas concesións irregulares de subvencións públicas a través da farmacéutica Nupel. Como xa se adiantara hai un mes, cando houbo unha primeira vista, 11 dos 12 acusados aceptaron o trato, entre eles Dorribo quen suma un total de case 6 anos de prisión e máis de 6 millóns de euros en multas.
Dos doce acusados, só un, Javier Rodríguez, un dos socios na empresa Proitec, non chegou a un acordo no seu momento. Hoxe o seu abogado continuaba loitando por “defender a súa inocencia”. Inocencia que non apoia o seu socio, Jorge Dorribo quen admitiu esta mañá que coñecía tanto a Javier Rodríguez como a Carlos Monjero. “Movíanse ben, tiñan boa relación en temas de organismos” sostivo. Asemade, asegurou que foron os responsables de Proitec quen lle presentaron a Pablo Cobián, exdeputado do PP e tamén acusado, co fin de “patrocinar” ao seu fillo a través de Nupel nun equipo de rallies.
Aínda que nun principio, tiñan pedido para este xuízo a sala de vistas durante cinco días, está autorizada ata este xoves, día 26, cando se cre que pode rematar este xuízo.