O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, mantivo onte un encontro cos usuarios de ARCHA (Asociación de Alcohólicos Rehabilitados de Chantada). Fíxoo xunto ao Presidente, á Vicepresidente a á psicóloga deste colectivo, Benjamín Fernández, Carlos López e Mª Rosario Ingunza Rajo. Na reunión, abordaron os resultados do programa de prevención e tratamento psicosocial de alcoholismo que desenvolve esta asociación co apoio do Goberno Provincial, pois destinou a ARCHA para este fin 15.600 euros, facendo que a Deputación de Lugo sexa a única administración na provincia que colabora economicamente con esta asociación.
Estes fondos permitiron ofrecer atención profesional a 50 lucenses, que sofren problemas co alcol, así como o funcionamento de campañas de información e sensibilización sobre o consumo desta substancia, dirixidas, especialmente, aos máis novos. Esta colaboración tamén fai posible que actualmente 23 persoas con dependencia do alcol reciban terapias individuais ou en grupo todas as semanas por parte de profesionais. Son usuarios de toda a provincia, pois moitos son trasladados directamente dende o HULA, aínda que prevalecen os de Chantada, Carballedo, Taboada, Monterroso, Antas de Ulla ou O Saviñao.