O Grupo Municipal do Partido Popular denunciou esta mañá a falta de mantemento nas instalacións deportivas da cidade, o vicevoceiro da formación, Enrique Rozas reclamoulle a Lara Méndez a creación dunha brigada de mantemento específica para reparar e conservar estas infraestruturas apuntando que “o obxectivo do Concello debería ser que ninguén quede sen practicar deporte de maneira segura”.
Rozas pide, entre outras cousas, que se cambie o céspede de herba sintética de varios camposde fútbol onde a ocupación dos mesmos é total, incluindo horario nocturno. Outra das deficiencias graves ás que “inexplicablemente non se lle da unha solución” é ao pavimento da pista polideportiva de Frigsa “ao estar levantado, como hai perigo de lesións, levan suprimidas dende xaneiro as actividades deportivas oficiais e, ata a data, o goberno socialista segue sen darlle solución”.
Enrique Rozas lembra tamén a urxencia de levar a cabo un mantemento periódico das pistas de atletismo Gregorio Pérez Rivera, xa que de non acometelas, podería chegar a perderse a homologación e que esta instalación quede fóra do circuito de probas oficiais para homologación de marcas.
Iniciativas a pleno
Tamén esta mañá o voceiro do grupo popular, Antonio Ameijide, realizou un repaso polas iniciativas que a formación municipal defenderá no pleno ordinario que terá lugar mañá no Concello de Lugo. O Grupo Popular solicitará á
corporación de Lugo o apoio “de forma rotunda e incondicional” aos axentes da Policía Nacional e a Garda Civil en Cataluña. Na proposición de apoio aos corpos de seguridade do Estado os populares insisten en que “non ten cabida nin a ambigüidade, nin as dúbidas”.
Os populares tamén presentaron unha iniciativa para que o Concello elabore una ordenanza que regule a saca de madera co ánimo de protexer as pistas do rural. O voceiro popular tamén explicou que solicitarán que o Concello de Lugo se adhira ao convenio asinado entre a Xunta e a FEGAMP” para acollerse ao programa facendo empresa en Galicia”. A inclusión nesta rede supón máis incentivos fiscais e menos burocracia para empresas que se instalen no municipio e que creen emprego.
Por último, o Grupo Popular solicita que se remita de forma inmediata a todos os Grupos unha copia do calendario anual elaborado polo Servizo de Contratación, no que se recolle a data de finalización dos contratos que ten con empresas adxudicatarias de diferentes servizos. Tamén reclaman que se dé cumprimento ao acordo plenario adoptado o 29 de outubro de 2015, relativo á licitación de todos os servizos que actualmente se están a prestar por empresas sen contrato no Concello.