Elena Candia, voceira do PP Provincial, acompañada de parte do seu equipo, anunciou esta mañá que votará a favor da proposta socialista de investir 15 millóns de euros na mellora de estradas provinciais dos concellos. Achégase o pleno da Deputación, que terá lugar o vindeiro martes, día 31 e o grupo socialista, quen gobera o ente provincial nestes intres, levará unha proposición para investir 15 millóns de euros en mellorar o firme de moitas das estradas da súa competencia ao longo da provincia.
Segundo os populares, esta proposta vén ligada a unha petición que o PP levou reiteradas veces a pleno, a última delas, unha moción similar presentada no pasado mes de xullo e que se aprobou por unanimidade no salón plenario. Deste xeito, demóstrase, en palabras de Elena Candia, que “volvemos a tomar a dianteira” naqueles asuntos que son importantes para a provincia e o interese xeral dos lucenses, “sendo moi coherentes co que diciamos cando incluso estabamos na oposición cun Goberno en maioría e sen ser escoitados”.
A pesares deste apoio, os populares indicaron hoxe que aínda que é un avance “non é suficiente” para “corrixir a discriminación” que moitos Concellos levan sufrido dende o ano 2007, xa que, segundo indicaron, moitas estradas que teñen un volume de tráfico menor están en mellores condicións que outras, que supoñen importantes nexos de acceso a localidades turísticas.
“As infraestruturas son clave para o desenvolvemento dos Concellos. Sabemos que somos a provincia coa rede viaria máis extensa de España, e isto só se pode manter cunha partida suficiente”. Por iso, destacou a voceira do PP, “valoramos positivamente esta iniciativa e facémolo, especialmente, porque se reparte dunha maneira razoable e respectando proporcionalidade dos quilómetros que ten cada municipio”. E é que, segundo precisou, “durante 8 anos as cantidades do Goberno tiñan un criterio partidista”.
Con todo, os populares non se conforman con esta cantidade, debido a que lles gustaría que aportación do Goberno fose maior, pero si que contribúe a “frear a sequía económica que padeceron moitos Concellos durante tanto tempo, pero que agora van a ter máis posibilidades de que as estradas estean en mellores condicións”.