A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, terá que responder en comparecencia ante a oposición no vindeiro Pleno do Concello de Lugo, o vindeiro 30 de novembro , a petición do grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida, para dar explicacións pola irregular situación na que se atopa o servizo de guindastre municipal. Será a primeira vez na historia deste concello que un rexedor deba presentarse a unha comparecencia en Pleno.
O grupo municipal ACE-EU solicitou esta comparecencia da alcaldesa, no pleno de onte, xa que, consideran que é a responsable política directa do contrato de recollida de vehículos, para que explique por que motivo non se iniciou o expediente de municipalización deste servizo despois de dous anos de ter sido aprobado en pleno, cando é unha obriga legal.
“O Pleno do Concello de Lugo xa acordou en novembro de 2015 iniciar o expediente de municipalización e este acordo plenario é soberano. Correspóndelle á corporación a través deste trámite decidir se se pode municipalizar ou non o servizo de guindastre, non ao goberno local”, lembra Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU. O concelleiro de ACE-EU remarca que a dilación do goberno supuxo case un millón de euros entregados de xeito ilegal a unha empresa sen contrato e en cuxa adxudicación a Fiscalía aprecia delitos de cohecho e tráfico de influencias.
“Se o expediente de municipalización se tivese iniciado en canto se aprobou hai case dous anos hoxe o Concello de Lugo podería estar en disposición de recuperar a xestión pública do guindastre. Non se pode demorar máis o cumprimento da vontade democrática do Pleno, se non estaráse poñendo en evidencia que a prioridade do goberno do PSOE segue a ser salvagardar o beneficio privado dunha empresa”, concluíu Portomeñe.