Lugonovo solicitará o aumento do prazo no que se pode consultar a documentación relativa ás Xuntas de Goberno do concello de Lugo. A portavoz da formación, Cristina Pérez, explica que esa revisión só é posible facela o día seguinte á súa celebración o que, o derradeiro xoves do mes, coincide coa xornada do Pleno.
“Non se pode estar en misa e replicando pero tampouco queremos ter que renunciar aos nosos dereitos”, di Cristina Pérez Herráiz. “Entendemos perfectamente que aos asuntos tratados nas Xuntas de Goberno haxa que darlles trámite canto antes pero tamén cremos que os grupos da oposición debemos poder exercer a nosa labor de fiscalización porque se trata dunha tarefa importante. Polo tanto, pediremos que, nesa última semana do mes, se amplíe o marxe do que dispoñemos para acceder aos expedientes”.
A voceira de Lugonovo lembra que esta non é a primeira vez que se aborda a necesidade de revisar os mecanismos de participación política da institución xa que, en setembro de 2016 a Corporación aprobara reformar o Regulamento Orgánico Municipal sen que, ata o momento, se producira ningún avance. “O que vemos é que ao executivo lle gusta falar de transparencia pero, á hora da verdade, esa vontade non se cumpre. E un bo exemplo témolo no feito de que a páxina web do Concello leve todo o ano sen actualizar o Rexistro dos convenios asinados con outros entes ou administracións”, afea Pérez Herráiz quen sinala, entre os protocolos máis destacados que aínda non se poden consultar, os acordados coa Xunta de Galicia para o equipamento do Auditorio, a construción dun novo colexio no Sagrado Corazón ou a revitalización do barrio da Residencia.