Francisco Rodríguez, adestrador do CD Lugo, compareceu esta mañá nunha rolda de prensa previa ao choque que medirá mañá no Anxo Carro ao seu equipo co Nàstic deTarragona. O técnico albivermello restoulle imporancia á posibilidade que ten o seu equipo de acadar o liderado, priorizando a consecución dos tres puntos. “Se gañamos mañá, volveremos estar no liderado. Pero ese é o noso obxectivo, gañar mañá. Non por estar no liderado, senón por sumar 23 puntos na xornada 12, que é algo realmente bo para un equipo como o Lugo”, así falaba o míster quen asegurou que o Nàstic é un rival incómodo e difícil e que “vai poñer todo pola súa banda para que non o consigamos”. O adestrador desexou tamén que se poda mañá celebrar a vitoria pero sabe que terá que ser moi traballada.
Un duelo ao que, segundo confesou Francisco, os seus pupilos chegan cun extra de motivación tras o empate o domingo pasado en Valladolid: “O equipo é intelixente e sabía que era un partido complicado, ante un rival que na súa casa sumara moitísimos goles. É verdade que nos poñemos cero a dous e quizais o partido, nese senso, podémolo perder nós; por precipitarnos e non seguir traballando o que tiñamos previsto. O equipo é intelixente, traballou
outra vez fantástico e hai moitas ganas de xogar mañá e devolver á nosa xente outra vitoria máis, que a xente se vaia outra vez contenta á súa casa cando se vaia do Anxo Carro”.
O técnico almeriense non poderá sentar no banco debido aos dous partidos de sanción que lle impuxo o Comité de Competición, pero amosouse confiado do bo facer dos seus xogadores na súa ausencia, aínda que non negou que lle gustaría transmitir dende o banquillo.”Eu sempre digo que, a partir do traballo desta mañá, os xogadores xa saben o que teñen que facer e, aínda que non esteamos sentados no banco, eles teñen que decidir e tomar responsabilidades
dentro do partido”. Moita responsabilidade para os xogadores, pero en especial para Bernardo, no que confía o míster quen tamén pide que lle quiten a tarxeta a Luís.