O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde recibiu este sábado en Pontevedra un dos premio que concede a Confederación Galega de Asociacións Veciñais (COGAVE) polo traballo en defensa dos veciños. Fíxoo a proposta da Federación de Asociacións Veciñais de Lugo.
Campos Conde destacou que “aínda que creo os representantes políticos non debemos recibir estes premios porque a nosa obriga é representar, defender e traballar pola defensa dos cidadáns, asegúrovos que para min non hai mellor recoñecemento que o dos veciños. Polo tanto, e vaia por diante, a miña máis sincera gratitude polo mellor premio que podía recibir”.
Neste senso, Campos Conde puxo en valor a actividade levada a cabo polos colectivos lucenses e destacou que “a súa intensa dedicación foi imprescindible, entre outras cuestións, para mobilizar a unha multitudinaria marea vermella na nosa provincia, que fixo posible que Lugo deixase de ser a única provincia de Galicia sen servizos sanitarios públicos como Radioterapia ou Hemodinámica”.
O Presidente destacou que a Deputación sempre se sumou ás reivindicacións dos veciños e subliñou que “ninguén nos vai a baixar de ningún tren”. “Os que nunca se subiron a el non van a conseguir que deixemos de defender, incansablemente, os intereses de todos os lucenses, reclamando os servizos públicos, imprescindibles que necesitamos os veciños de Lugo, ao igual que o resto de galegos”, concluiu.