Arranca en Lourenzá a Ruta da Faba coa intención de estenderse por outros concellos

O Centro de Interpretación da Faba de Lourenzá acollía este mediodía a presentación da Ruta da Faba. Trátase dunha ruta que xira arredor dos principais tesouros desta terra, arte, gastronomía e o cultivo da recoñecida leguminosa. Inclúe visitas guiadas ao Mosteiro e á Igrexa de San Salvador, ao Museo de Arte Sacro, ao Pazo de Tovar, ao Centro de Interpretación da Faba, a área recreativa do Muíño do Pereiro e ao Miradoiro da Valiña, ademais de degustación de faba de Lourenzá e outros produtos típicos desta comarca como a merluza de Celeiro ou o bonito de Burela. Nesta iniciativa participan a Mancomunidade de Municipios da Mariña, o Concello de Lourenzá e a Xunta de Galicia.

O presidente da Sociedade Cooperativa Terras da Mariña, Jose Cuadrado, explicou na presentación que “o proxecto xurde dunha idea da Cooperativa Terras da Mariña xunto co Pazo de Tovar e o Forno de Tovar de potenciar a faba de Lourenzá, coa idea de mostrarlle ao mundo e ao turista un pouquiño a trazabilidade, de onde sae. Estamos acostumados a ver a faba xa no saco envasada e despois no prato, pero moita xente descoñece o que hai detrás diso. Falamos de que é un produto caro, entón demostrarlle ao público o que hai detrás de todo iso”.

Jose Cuadrado engadiu que “pensamos darlle forma involucrando a faba como elemento principal desta ruta, pero tamén intentamos dar a coñecer os atractivos turísticos neste caso do concello, tamén diversificar a oferta turística coa idea de impulsar o desenvolvemento e a conservación do patrimonio histórico e cultural do concello sempre ao redor da faba. É un proxecto piloto que nace en Lourenzá, pero a idea é estendelo ao resto de concellos da Mariña. Neste caso é un día aquí, pero a idea é pasalo a tres ou catro días potenciando tamén o resto de recursos turísticos de concellos. O ámbito xeográfico da faba de Lourenzá é os quince concellos da Mariña lucense, nos quince concellos hai explotacións de faba, e a idea é que este proxecto vaia medrando pouquiño a pouco e facelo extensible ao resto de concellos da Mariña. É a idea, vender a Mariña como un paquete conxunto”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com