A CIG-Saúde mantén a convocatoria de folga para os días 2 e 3 de novembro. Asegura que non se vai sumar a sinatura do acordo do Sergas coas organizacións sindicais da plataforma porque “simplemente non se solucionou ningún conflito”. Considera que a proposta presentada polo Sergas sobre a carreira profesional “deixa máis dúbidas que certezas” e denuncia que, en todo caso, non se recupera ningún dos acordos suspendidos.
A CIG-Saúde explica que a proposta sobre carreira profesional vai incrementar as diferenzas salariais existentes entre os profesionais do mesmo colectivo e chama a atención sobre todos os aspectos que quedan no aire: “Non sabemos canto vai ser a contía dos graos desta carreira, o que si sabemos e que o Sergas non recoñece a carreira que tiñamos pactada e que pretende negociar unha carreira con condicións inferiores”.
Xunto a isto, o sindicato asegura que non se sabe cantos anos de antigüidade se van solicitar para cada grao, nin a permanencia nun grao para progresar ao seguinte, “o que si sabemos e que a Carreira Profesional que tiñamos pactada e foi conxeada, o SERGAS a da por estinguida”.
Ademais, o acordo asinado sobre carreira so é para persoal propietario fixo e denuncian que non hai compromiso firme de cobrar no ano 2019, porque vai depender da dispoñibilidade orzamentaria. Advirte ademais que “estas condicións son iguais para todos os colectivos, incluído o persoal facultativo”.
Á marxe da carreira profesional o SERGAS non contempla a recuperación de ningún dos outros acordos suspendidos porque “Feijóo non permite que se cumpra ningún acordo asinado durante o goberno bipartito, esquecendo que as organizacións sindicais asinamos acordos coa administración e non co partido político do goberno”, denuncia.