O Grupo Provincial do Partido Popular acadou o necesario apoio do BNG para solicitar ao Goberno manter en funcionamento os catamaráns da Ribeira Sacra ata finais de ano e como mínimo durante as fins de semana, as pontes e os días festivos. O visto e prace dos nacionalistas posibilitou así a aprobación da moción presentada polos populares.
Concretamente, o Grupo do PP trasladou esta petición tras coñecer que o organismo lucense tomou a decisión de pechar por anticipado, ata con dous meses de antelación, este servizo que cubre as rutas fluviais do Sil e do Miño. Así o destacou o voceiro, Carlos Armesto, quen criticou que “isto se fixese de xeito unilateral e equivocado, sentando un precedente que non recoñecemos nos últimos anos”.
O deputado popular, quen ademais é un gran coñecedor da zona e da materia, debido á condición de tenente alcalde de O Saviñao, atribuíu a determinación dos dirixentes provinciais a que “os catamaráns non lles gustan porque foi un proxecto pioneiro en Galicia e no noroeste peninsular, e creado por un Goberno do Partido Popular”. Tal é así, que destacou que, malia que se fixeron investimentos millonarios, se crearon clubes náuticos, ademais das condicións
náuticas para poder navegar, situando así á Ribeira Sacra no mapa das infraestruturas fluviais, o organismo provincial “encargouse de ilo mermando ano tras ano”.
Para os populares é necesario un maior compromiso por parte dos socialistas na Deputación así como unha xestión axeitada deste recurso dado que o peso desta zona no sector turístico provincial ronda o 25% tanto en número de prazas como de pernotacións. Ademais, sosteñen a súa petición amparándose en cifras concretas, como que entre xaneiro e agosto visitaron a comarca 99.447 persoas e afirman que un dos factores diferenciadores da zona é o feito de ser un dos destinos cada vez máis desestacionalizados de Galicia, e a ampliación ou mantemento do período de servizo dos catamaráns precisamente contribuirá a consolidar este destino.