Guitiriz, Begonte e Rábade, conectados con Lugo dende primeira hora da mañá

Os veciños dos concellos de Guitiriz, Begonte e Rábade disporán dunha nova liña de transporte público por autobús que unirá estas localidades coa cidade de Lugo, todos os días laborais, a primeira hora da mañá. A nova expedición terá saída en Guitiriz ás 7.30 horas con chegada á estación de autobuses de Lugo ás 8.30 horas.

O delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro, explicou así que este horario está especialmente pensado para estudantes e aqueles traballadores que teñen que estar a primeira hora da mañá na capital da provincia para incorporarse as súas clases ou traballos.

Ao longo do percorrido a nova expedición ten previsto paradas no centro urbano de Guitiriz e no núcleo de Cabra neste mesmo municipio; tamén están previstas paradas en Baamonde e no centro urbano de Begonte; outra parada máis en Rábade e finalizará na capital da provincia.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda reforza o servizo de transporte público por estrada dentro do seu compromiso de promover as modificacións puntuais precisas para unha mellor conexión destas localidades e, en particular, das poboacións do rural. Cómpre sinalar que se trata dun reforzo porque na actualidade o plan de transporte público xa contempla varias expedicións con paradas nestes mesmos municipios pero con chegada a Lugo máis avanzada a mañá.

Balseiro lembrou tamén que coa creación desta nova liña a primeira hora da mañá a Xunta faise eco dunha demanda liderada polo Concello de Begonte –á que se sumaron o resto dos municipios- e que a Xunta de Galicia acolle como positiva.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com