A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, saíu ao paso das manifestacións do Partido Popular na que cuestionou a xestión da recadación de impostos e taxas municipais subliñando que, segundo figura na Conta Xeral do 2016 aprobada polo Pleno, a recadación anual elévase ao 86,5% (70,3M€ recadados sobre os 81,3M€ de dereitos recoñecidos). En concreto, os 342.000 euros aos que alude o PP, correspondentes a taxas e impostos declarados incobrables despois de que o Concello aplicara “todos e cada un dos mecanismos legalmente
dispoñibles” para conseguilo, supoñen o 0,4% dos ingresos anuais recoñecidos do Concello de Lugo o ano pasado.
Prieto lembrou neste senso que “todas as administracións deste país teñen impostos incobrables, tamén as gobernadas polo PP”. “Unha vez máis, o Partido Popular fai unha lectura sesgada, descontextualizada e terxiversada da xestión económica deste Goberno, que desmonta a realidade dos indicadores económicos que figuran na Conta Xeral”, recalcou a Concelleira. “Parece que ao PP lle molesta que teñamos unha administración completamente saneada, estable e solvente grazas a unha xestión responsable e eficaz”, indicou Ana Prieto, “pero a realidade, por moito que lles doa, é que si a temos e a seguiremos tendo”.