A nova edición do certame de deseño gráfico sobre a violencia de xénero, organizado polo Concello de Lugo a través da Casa da Muller xa ten gañador. Trátase da obra que leva por lema Por desgraza, isto non só forma parte do pasado. Cambia o presente, da autoría de Antón Manuel Carral López, protagonizada por unha figura escultórica que escenifica a unha muller vítima violencia de xénero. O fallo produciuse na Casa da Muller tras analizar os distintos traballos presentados ao concurso. O gañador recibirá un agasallo e un premio dotado de 600 euros.
O xurado estivo formado pola Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inclusión, Ana Abelleira, a Directora da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón, Esther Múñoz, e persoal técnico da Casa da Muller.
Esta obra será a imaxe oficial do cartel das actividades organizadas polo Concello que conmemorarán o 25 de Novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero.