O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde; a Presidenta de Seragro S. Coop. Galega, Noelia García Santoalla; o Concelleiro de Medio Rural de Lugo, Miguel Fernández, e os Coordinadores do programa deste ano, Belén Guerreiro Lamazares e Albino Iglesias Varela; presentaron este mediodía no salón de actos do Pazo de San Marcos as XV Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de Seragro. O Goberno converte á Deputación na principal administración patrocinadora desta iniciativa, con 12.000 euros.
O Presidente apuntou que “é necesario un firme compromiso co sector lácteo, motor da economía da provincia de Lugo, por parte de todos, é dicir, tanto sector privado como público, para revitalizalo. O meu e, polo tanto, o desta institución, xa o teñen, e é claro e evidente: só hai que ter en conta todas as iniciativas que estamos a impulsar”.
Neste senso, destacou que “por fin, imos abrir o primeiro centro de recría público en España co obxectivo de reducir custos de produción aos profesionais do sector. Nas instalacións da Granxa Gayoso Castro tamén imos construír un Centro Experimental onde, a partires de 2018, se levarán a cabo proxectos de formación e investigación para tamén reducir os importantes custos de produción ou para tentar incorporar as novas tecnoloxías no sector, tendo en conta a súa falta de man de obra e calidade de vida dos produtores, que traballan os 365 días do ano”.
“Seguimos traballando man con man cos profesionais do sector lácteo. Mostra disto é que volvemos a ser o principal patrocinador destas Xornadas Técnicas de Vacún de Leite, onde se abordarán as necesidades e as oportunidades deste sector na provincia, como, por exemplo, o centro de recría que construíu a Deputación”, subliñou.
Noelia García Santoalla deulle comezo ao acto destacando o enfoque desta edición cara ás novas xeracións de gandeiros, os cales se van atopar con novos desafíos e inquedanzas, a algúns dos cales (coma o cambio climático, o futuro da PAC, a xestión da man de obra externa, a eficiencia das forraxes ou a perfección do traballo coa recría e coa reprodución) se lles tentará dar resposta da man de varios expertos do ámbito nacional e internacional. Así mesmo, a presidenta puxo enriba da mesa dúas preguntas dirixidas ás administracións: “Chegarán a ter influencia algún día as organizacións de produtores no prezo do leite? Vai ser a falta de base territorial un tope ao que se van ter que enfrontar os gandeiros do mañá?”