O presidente da Deputación, Darío Campos, afirmou esta mañá que se unirá á súa homologa en Pontevedra, Carmela Silva, e tampouco presentará o orzamento da institución provincial ante o Parlamento de Galicia. Campos Conde asegurou que esta decisión vén dada polo que tildou de “falta de compromiso da Xunta de Galicia coa provincia de Lugo”.
Partindo da premisa de que a comparecencia das Deputacións no Parlamento para explicar o orzamento provincial é voluntaria; o Presidente da Deputación adiantou que remitirá o documento completo do Orzamento para 2018 con todos os detalles; que as liñas xerais do mesmo volverán a ser o impulso do emprego, das infraestruturas e do benestar nos 67 Concellos da provincia a través dunhas contas obxectivas e xustas que respondan por igual ás necesidades dos máis de 300.000 lucenses.
Entre os motivos de Campos Conde para non comparecer este ano no Parlamento galego, destacan dous. O primeiro, vén motivado pola “nula colaboración institucional e económica” da Xunta de Galicia coa Deputación e o segundo pasa pola “total falta de transparencia e obxectividade” que o equipo socialista ve nos investimentos da Xunta que o Goberno galego decide facer “en tan só nuns poucos Concellos da provincia de Lugo de xeito discriminatorio e partidista”.
Campos Conde explicou que “levo dous anos comparecendo no Parlamento galego para explicar as liñas xerais do Presuposto da Deputación de Lugo nun exemplo de absoluta transparencia e colaboración institucional, que nin é recíproca, nin acadou ningún resultado. Despois de dous anos, segue sen existir unha relación económica e colaboradora da Xunta de Galicia coa Deputación de Lugo para impulsar proxectos que fomenten as infraestruturas, o emprego e o benestar nunha provincia, como a de Lugo, eminentemente rural, envellecida e cunha forte dispersión xeográfica, que require da atención da que é a principal administración en Galicia, a Xunta, para, verdadeiramente, atender, dende o público, aos máis de 300.000 veciños dos 67 Concellos lucenses”.
“A Xunta non atendeu ningún dos 12 retos que lle plantei a Feijóo na reunión que mantivemos. Por exemplo, seguimos sen a necesaria colaboración para abrir as residencias, pois continúan a poñer trabas na concesión dos permisos autonómicos obrigatorios por lei. Seguen sen financiar o SAF básico, cuxos custos asume en solitario a Deputación de Lugo, cando hai unha sentenza que establece o co-financiamento por parte de ambas as dúas institucións. Tampouco achegan a parte que lles corresponde para equiparar os salarios dos bombeiros de Lugo cos do resto de provincias”.
“Hai un trato claramente discriminatorio por parte da Xunta con esta Deputación e, polo tanto, coa provincia de Lugo. En Ourense, o Goberno galego financia dende a Xunta en maior porcentaxe os parques de bombeiros (61% fronte ao 50%) e si aumentou os salarios destes profesionais. Sabemos que o Executivo autonómico aprobou recentemente un convenio de colaboración entre a Xunta e a Deputación de Ourense de 1 millón para instalacións deportivas. En Lugo, é a Deputación a única administración que inviste neste eido. Levamos feito un esforzo de case 2 millóns nos Concellos”.