O Fluvial renova instalacións co apoio da Deputación

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, supervisaron este sábado o remate das obras de ampliación e renovación do Club Fluvial de Lugo, situado no entorno do Río Miño, ao seu paso polo Barrio da Ponte na capital luguesa. Trátanse dunhas actuacións que decidiu financiar o Goberno da Deputación con 100.000 euros polo seu beneficio para os máis de 15.000 lucenses que empregan estas instalacións deportivas. Campos e Méndez estiveron acompañados polo presidente da entidade, Modesto Teijeiro Valledor.

Previamente, Campos Conde e Teijeiro Valledor asinaron o convenio entre o organismo provincial e a entidade luguesa que terá importantes contraprestacións para os lucenses, pois trátase da entidade con máis socios da provincia e a terceira de Galicia.

O Presidente da Deputación subliñou que “é de xustiza pór en valor o traballo desta directiva que, durante os dous primeiros anos de mandato, puxo en marcha importantes actuacións encamiñadas a mellorar as prestacións do Club aos milleiros de lucenses que acoden diariamente a facer uso dos seus servizos. Para isto, levouse a cabo un ambicioso proxecto de ampliación das súas instalacións, ademais doutras actuacións dirixidas á mellora duns servizos, que non só benefician aos socios senón tamén aos veciños do Barrio da Ponte e aos lucenses en xeral”.

Campos Conde apuntou que “con este importante investimento de 100.000 euros que facemos dende o Goberno da Deputación levouse a cabo a ampliación do ximnasio, pasando dos 160 metros cadrados da antiga sala a unha superficie de 800 metros cadrados. Con estes traballos, os usuarios terán á súa disposición novas salas de cardio, fitness, sala clínica, virtual e de maquinaria de última xeración. Ademais, outra das grandes actuacións financiadas coa achega do Executivo Provincial foi a dotación dunha nova cafetería, para o que se levantou unha estrutura duns 250 metros cadrados, que acollerá tamén un novo restaurante de acceso público, con vistas ao río. Finalmente, ampliáronse os vestiarios masculinos gañando 100 metros cadrados, e renovouse a planta baixa dos vestiarios femininos”.

Durante a sinatura do convenio, o Presidente do Club Fluvial de Lugo, Tito Valledor, mostrou o seu agradecemento á Deputación de Lugo pola seu apoio e sinalou que este acordo é “importantísimo para o Fluvial, ao estar inmerso nunhas obras de tanta relevancia. Cremos que este investimento supón un activo moi importante para a cidade e a provincia, non só polo que beneficia aos máis de 15.200 socios e aos máis de 1.000 deportistas federados do Club, senón porque contribúe a potenciar o deporte”.

O máximo responsable do Fluvial falou tamén de proxectos futuros que estuda a xunta directiva, entre os que destacou “cubrir as pistas de tenis e o polideportivo, pero sen renunciar a que estean a disposición, non só de socias e socios, senón de todos os lucenses en xeral”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com