O Alcalde de Lugo, José López Orozco, solicitou unha xuntanza á Xunta de Galicia para desbloquear a aprobación do 5% do Plan Xeral de Ordenación Municipal pendente de aprobación definitiva polo Goberno galego.
Tal como decidiu a Corporación municipal na reunión celebrada a semana pasada, o Alcalde solicitou unha xuntanza coa Consellería de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio, que foi concertada para o día 3 de marzo, na Casa do Concello.
Na reunión participarán o Alcalde, o Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez; a Secretaria Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Encarnación Rivas; técnicos das dúas administracións e un representante de cada un dos grupos da oposición municipal.
A solicitude desta xuntanza decidiuse nunha reunión que celebrou o Goberno local coa oposición na que os responsables técnicos de distintos servizos municipais explicaron que as condicións postas ao Concello de Lugo para a aprobación da parte pendente do PXOM inclúen aspectos que supoñen unha revision encuberta por parte da Consellería de Medio Ambiente, Infraestruturas e Territorio dun acordo anterior, xa que hai zonas que en principio se consideraban aprobadas sobre as que a nova Orde provocou incertidume.
A esas dúbidas, tal e como aclararon os técnicos municipais, e como asumiu dende o principio o Goberno local, únese a circunstancia de que a competencia sobre a delimitación de cauces non é municipal senón doutra administración, que é a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.
Nesa xuntanza, o Voceiro do Grupo popular asumiu por primeira vez as teses defendidas reiteradamente polo Goberno local xa que manifestou que él é partidario de “ter unha reunión apoiando as propostas dos técnicos municipais”.
As esixencias que se lle fan ao Concello de Lugo supoñen que a Administración local tería que asumir un gasto moi cuantioso, xa que un informe do departamento de Topografía da USC avalía en 560.000 euros, sen IVE, o custe de facer a cartografía que se lle pide ao Concello.