C’s Lugo revela o pago de outros 14.000 euros en horas extra a policías e bombeiros

O grupo municipal de Cidadáns revelou esta mañá que a alcaldesa, Lara Méndez, vén de asinar dous decretos para aboar outros 14.000 euros á Policía Local e aos bombeiros en concepto de horas extra realizadas no pasado mes de xuño, coincidindo coa celebración do Arde Lucus e as fogueiras de San Xoán. En concreto, a alcaldesa autoriza o pago de 7.296 euros a 22 bombeiros, que recibirán unha media de 330 euros por enriba do salario que teñen establecido, e de 6.778 euros a 48 policías, o que supón unha media de 141 euros por axente.

Aínda que estas cantidades correspóndense co pasado mes de xuño, os decretos para o seu abono foron asinados por Lara Méndez o xoves da semana pasada e o seu pago retrasouse polos reparos postos tanto pola xefa de Persoal do Concello como polo interventor municipal, que aprecian unha serie de deficiencias e incumprimentos. Entre outras cuestións, poñen de manifesto que non se acredita o cumprimento da xornada laboral ordinaria, condición necesaria para poder pagar horas extra. “Compre acreditación do cumprimento da xornada ordinaria laboral polo traballadores relacionados na proposta” xa que “en caso contrario non procedería o devengo dos servizos extraordinarios”, argumenta o interventor municipal.

A xefa de Persoal aclara que as horas extras “en ningún caso poderán ser fixas na súa cuantía nin periódicas no seu devengo e deberán responder a servizos extraordinarios fóra da xornada normal de traballo” e aprecia que o Goberno municipal está a “desvirtuar o concepto de servizos extraordinarios en contra do disposto na normativa“. Pon como exemplo ao Gabinete de Tráfico da Policía Local, “que segue remitindo solicitude de autorización de realización de servizos extraordinarios todos os meses, o que evidencia que non se trata de momentos puntuais” e di que “deberán adoptarse as medidas necesarias para que o carácter extraordinario destas horas non se convirta en ordinario”, reprochando ao Goberno de Lara Méndez non facer nada ao respecto xa que, di, “non consta que se adoptaran as medidas necesarias para que o carácter extraordinario destas horas non se estean a converter nunha necesidade permanente”.

O interventor municipal incide no seu informe na mesma liña de que as horas extra non poden ser un sobresoldo mensual e pide que en vez de pagar horas extra se cubran as prazas e se contrate o persoal necesario para prestar o servizo. “En caso de constatarse a natureza permanente ou estrutural do pago de horas extra procede a xestión de persoal necesaria para o dimensionamento do servizo respecto do volume de tarefas, sen que proceda a continuidade do presente sistema retributivo”, indica o interventor no seu informe.

Maleza na Calzada

Noutro eido, o grupo municipal de Cidadáns denunciou esta mañá que a maleza tapona neste momento o sistema de aliviadeiros existente na Calzada da Ponte para que en caso de fortes chuvias a riada vaia parar ao Miño e non anegue as casas existentes na parte baixa. O concelleiro da agrupación, Jesús Expósito, explica que “hai uns tubos que atravesan por debaixo a estrada no entorno da ponte romana e van evacuar ao río cun sistema de comportas que se abren polo propio peso da auga” pero asegura que “neste momento a maleza e as raíces das árbores que medraron na beira do río a carón da ponte romana fai que as comportas estean taponadas e non poidan abrir, polo que en caso de producirse unha tromba de auga non tería saída e inundaría as casas da parte baixa, as que están pegadas ao acceso á ponte”, denuncia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com