O Deputado de Relacións Institucionais, Álvaro Santos Ramos, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, inauguraron esta mañá a IV edición do Congreso Galego de Xestión Enerxética XENERGAL 2017, que o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais (ICOIIG) organiza durante a xornada de hoxe e o día de mañá no salón de actos do Pazo de San Marcos, coa colaboración do Executivo Provincial. Na inauguración tamén participaron o Decano do ICOIIG, Oriol Sarmiento, e o Director do Congreso, Fernando Branco.
No congreso participarán un centenar de profesionais de toda a Comunidade Autónoma, que presentarán uns 36 relatorios. O obxectivo deste encontro é difundir o coñecemento relacionado coa xestión da enerxía, pero ao mesmo tempo servir como plataforma de contacto entre profesionais, para o que ademais das correspondentes mesas está previsto a celebración de actos networking paralelos.
Por parte do Deputado de Relacións Institucionais e da Alcaldesa da cidade deuse a benvida, indicando as posibilidades de Lugo como punto de referencia para este tipo de eventos. Santos Ramos subliñou que “é un orgullo para a nosa provincia poder acoller a maior cita do sector enerxético en Galicia coa celebración deste Congreso, que versará sobre enerxías renovables, eficiencia enerxética e mantemento de edificios, iluminación, innovación e xestión transversal da enerxía”.
“Dende o Executivo Provincial estamos comprometidos e sensibilizados nesta materia, por iso destinamos 1,5 millón de euros a través do Plan de Aforro enerxético ao que se adheriron 37 Concellos lucenses que lles permitiu aforrar máis dun 10% nos custos municipais; elaboramos un novo programa de aforro enerxético, chamado ILUMIN@, dirixido a todos os Concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes e totalmente gratuíto para os mesmos, co que recibirán unha axuda económica para a compra e instalación de novo equipamento de baixo consumo en dotacións municipais; e investimos 750.000 euros para dotar dun novo sistema de iluminación ao Paseo do Río Rato, con 283 novos puntos de luz LED ecolóxicos nun treito de 7 quilómetros”.