O Grupo Municipal Socialista no Concello de Vilalba vén de facer pública a súa censura ante o pago de facturas que o goberno local do Partido Popular está a facer sen que se recolla o desglose oportuno. Así se extrae da última acta da Xunta de Goberno que os socialistas veñen de explicar, na que se advirte desde a Intervención Municipal que “certas facturas non teñen o desglose pormenorizado por conceptos e prezos unitarios que deberían recollerse nas mesmas para a súa correcta verificación e seguemento”.
Nesta advertencia contémplase un incumprimento do regulamento relativo ás obrigas de facturación, pois as facturas mencionadas “carecen tanto do concepto que explica este gasto como do prezo unitario que se require”, subliña a voceira dos socialistas, Elba Veleiro, en alusión ao Real Decreto 1619/2012, do 30 de novembro.
Para máis inri, no informe “nin se aclara cales son as facturas nin o seu importe”, comenta Veleiro, incidindo en que “desde o Concello tratan de obviar a normativa para facer e desfacer como consideran sen dar máis explicación, pero cando lles interesa trasladan á veciñanza mentiras sobre os procedementos para eludir as súas responsabilidades de xestión e de pago, facendo cargo á oposición de competencias que non temos co obxectivo de gañar tempo e sembrar confusión cun rédito político que reprobamos de xeito tallante”.
Desde o Partido Socialista solicitarán toda a información relativa a estas facturas “esixindo que Baamonde cese dunha vez por todas coa súa política de favores de costas á legalidade, con coñecemento de causa e cunha defensa da súa xestión que cada día convence a menos vilalbeses e vilalbesas”.