A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Lugo condenou a un varón de 22 anos e con iniciais K.P.E. a oito anos e tres meses de prisión por un delito de homicidio en grao de tentativa e outro de ameazas no ámbito familiar contra a súa parella coa que convivía.
Os feitos tiveron lugar o 13 de decembro de 2016 cando o acusado comezou a ameazar á vítima a través do teléfono móvil. Esa mesma madrugada, o condenado volveu a ameazar á vítima asegurando que a “ía matar” e proferíndolle graves insultos. O día 14 do mesmo mes, mentres a vítima estaba vendo a televisión, o seu mozo, comezou a insultala e empurrala pola habitación, ata que a agarrou polo pescozo coa intención de asfixiala coas súas propias mans, máis tarde intentouno tamén cun coxín. A vítima conseguiu escapar e intentou entrar no cuarto de baño para pecharse, sen éxito. Alí K.P.E. continuou coas agresións e as ameazas, ata que arrancou as cortinas do baño para volver a intentar asfixiar á vítima, embarazada de 6 meses, á que en diversas ocasións lle golpeou á barriga.
Durante o transcurso dos feitos, chegou unha compañeira de piso da parella que entrou no lavabo e interrumpiu as agresións, chamando á policía. Á vítima tivo que ser tratada de numerosas lesións e o home foi ingresado, por orde do Xulgado de Mondoñedo, no Centro Penitenciario de Bonxe ata a data do xuízo que tivo lugar esta mañá en Lugo.
Por todo isto, a Audiencia Provincial establece unha condena de 9 meses de prisión polo delito de ameazas e unha orde de alonxamento a 500 metros da vítima durante 1 ano e 9 meses; asemade, o acusado queda privado, durante dous anos, do dereito de tenencia de armas. Por outra banda, polo delito de homicidio en grao de tentativa, o Xulgado lucense estipula unha pena de 7 anos e 6 meses de prisión ademáis de unha orde de alonxamento da vítima durante 10 anos. Do mesmo xeito, o condenado deberá aboar as costas xudiciais, como é habitual, e deberá indemnizar á vítima con 500 euros e pagar máis de 700 euros de gastos médicos que deberán ser aboados ao Sergas.