A Consellería do Medio Rural investiu 40.000 euros no acondicionamento do camiño de acceso á Porreira, no municipio de Friol; unha vía de titularidade municipal que une a estrada provincial LU-P- 1611 con este núcleo da parroquia de Narla e da servizo tamén a outras poboacións rurais como O Vilar.
O delegado territorial, José Manuel Balseiro, comprobou o resultado das obras, recentemente rematadas, e subliñou a necesidade de “mellorar as vías de comunicación no rural para estimular a actividade económica e fixar poboación”. Durante a visita estivo acompañado polo alcalde de Friol, José Ángel Santos, entre outros.
A Xunta actuou sobre os primeiros 2,6 quilómetros de lonxitude do camiño, que teñen un ancho variable e presentaban un pavimento moi deteriorado polo uso e pola acción das inclemencias meteorolóxicas. A intervención consistiu na reparación do firme e aplicación de rego asfáltico en todo o tramo, así como o saneo da explanada no punto quilométrico 0,33. Balseiro destacou que a Consellería do Medio Rural incide na mellora da rede viaria a través do Plan de Infraestruturas Rurais, ao que corresponde esta obra e que está dotado con 4,2 millóns de euros, e tamén do Plan Marco de mellora de camiños municipais, cun orzamento de 16 millóns de euros para dous anos, o que fai un investimento superior aos 20 millóns de euros en toda Galicia.
“Este investimento -continuou- pon de manifesto o esforzo da Xunta por mellorar as dotacións e servizos dos que disfrutan os veciños e veciñas do rural, para que sexan equiparables aos dos núcleos urbanos”.