O BNG-AA propón a posta en valor das escavacións arqueolóxicas da Tinería

O voceiro do BNG-AA no concello de Lugo, Rubén Arroxo, pediu que a Xunta de Galicia faga iniciativas concretas para poñer en valor o Barrio da Tinería e propuxo a continuación das escavacións situadas nesta zona da cidade e paralizadas dende a chegada de Feijoo á Xunta. Arroxo lembrou a “paralización total” da rehabilitación e rehabitación do barrio dende a chegada do PP ao goberno galego e despois do traballo feito “cando o BNG tivera responsabilidades de goberno”.

Arroxo propuxo un plan para poñer en valor as escavacións arqueolóxicas dos fornos romanos na zona escavada pegada á muralla. A proposta do BNG-AA tería como finalidade ampliar os estudos arqueolóxicos xa iniciados nestas escavacións con persoal técnico da administración e “mesmo se poderían crear grupos de traballo voluntario e investigación para estudantes de arqueoloxía e titulacións similares nos períodos vacacionais”.

Para o voceiro do BNG-AA “estas escavacións tamén poderían converterse nun polo de atracción turística que completarían os percorridos para visitantes que xa existen na cidade”. Arroxo incidiu na necesidade “de facer propostas concretas e positivas para dinamizar a Tinería aproveitando os investimentos que xa están feitos pola administración e que permanecen ocultos tras dun peche de lata e afastados da vida da cidade”.

Rubén Arroxo dixo que “estamos seguros de que a Xunta e o señor Balseiro terán en conta esta proposta dada a preocupación que ultimamente teñen polo barrio da Tinería” e lamentou que “toda a propaganda e anuncios que se están a facer sobre este barrio non se materialicen en feitos e en orzamentos reais para acometer todas as melloras necesarias”.

A Xunta continúa adiante

Mentras tanto, José Manuel Balseiro, delegado da Xunta en Lugo, afirmou onte que o ente autonómico continuará adiante cos plans que tiñan xa en marcha para este barrio. E proba deso e que hoxe, o propio delegado, estivo na xornada informativa organizada para orientar aos empresarios e posibles emprendedores acerca dos programas de subvencións que convoca a Xunta para promover a creación e expansión de empresas. Na reunión participaron representantes da Asociación de Veciños e Comerciantes da Tinería e da Asociación de Empresarios do barrio, así como o subdelegado do Goberno, Ramón Carballo, entre outros.

“Dende a creación dunha empresa ata a súa internacionalización, pasando pola modernización das ferramentas de produción, apertura de novas canles de comercialización, mellora da imaxe e incremento do cadro de persoal; a Xunta impulsa o tecido empresarial dende todas as perspectivas -sinalou Balseiro-. O que queremos que saiban é que en cada paso adiante que da un empresario, hai un programa da Xunta que o respalda”.

O delegado afirmou que a Xunta “está especialmente comprometida coa dinamización e recuperación deste barrio” e que para elo resulta fundamental “a consolidación e creación de novos proxectos empresariais e comerciais”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com