A APEHL cumpre 40 anos poñéndose novos retos para o futuro

A Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (APEHL) celebrou o seu 40 aniversario esta mañá nas instalacións do IES Sanxillao de Lugo. No acto estiveron presentes a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación, Darío Campos; o delegado da Xunta de Galicia en Lugo, Xosé Manuel Balseiro; o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo; o presidente da Federación Española de Hostalería e Restauración (FEHR), José Luis Yzuel, e o presidente da APEHL, Cheché Real, así como outras personalidades do mundo da hostalería.

Ademais de conmemorar esta data especial cun vídeo no que se recordaron os inicios e se adiantaron os retos de futuro, rendiuse homenaxe a varios socios fundadores pola súa achega e entrega na creación da Asociación. Trala entrega das figuras conmemorativas, o presidente da APEHL, Cheché Real, comezou a súa intervención lembrando precisamente “a todos aqueles que, dalgunha ou doutra maneira, puxeron o seu grao de area ao longo de todos estes anos e fixeron posible que hoxe a APEHL sexa o que é”.

Destacou o que foi e segue sendo o principal obxectivo do organismo: “Dar servizo e asistencia aos nosos socios”. Tamén a importancia do asociacionismo para o sector e a aposta da Asociación pola formación: “Precisamente, celebramos este aniversario, aquí, no IES Sanxillao, onde aprenden e se forman as nosas vindeiras xeracións. No seu día, dende a APEHL apostamos porque se implantase un ciclo de hostalería na cidade de Lugo e cremos que foi un dos nosos grandes logros”, engadiu.

A nivel provincial, o presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, alabou o traballo feito pola Asociación e apuntou que “así se debe seguir traballando, nesta dirección, para que Lugo sexa recoñecida non só no resto de España senón no resto do mundo”.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, tras felicitar a todos os homenaxeados, engadiu que “grazas ao traballo de agrupacións coma esta, grandes dinamizadoras do noso territorio tanto económica como socialmente, logramos poñer a Lugo no mapa. Moita xente vén a Lugo pola nosa gastronomía”.

Pola súa banda, o delegado da Xunta, José Manuel Balseiro, gabou o papel que esta entidade xoga “na defensa dos intereses da provincia a través do fortalecemento do turismo. Na mesma liña, o delegado lembrou que detrás de esta asociación está o lema que representa a provincia, E para comer… Lugo.

O acto rematou coa proxección dun vídeo titulado Orgullosos de ser hostaleiros e cunha degustación de produtos das denominacións de orixe e indicacións xeográficas protexidas da provincia de Lugo, elaborada polos alumnos de hostalería do IES Sanxillao.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com