A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, clausurou hoxe a Asemblea Xeral de Tradime, na que salientou que a Xunta plantexaralle ao Ministerio de Fomento na vindeira reunión da Comisión de seguimento da AP-9 a posibilidade de activar bonificacións económicas aos vehículos pesados en vías de peaxe co fin de incrementar a seguridade e competitividade no sector.
Vázquez Mourelle sinalou que a circulación do tráfico pesado polas vías de altas prestacións contribúe á redución dos tempos de viaxe, xa que estas infraestruturas son máis seguras e están mellor adaptadas a este tipo de tráfico. Non obstante, precisou que estas medidas dirixidas a encauzar o tráfico de camións polas vías de peaxe teñen que ir acompañadas de bonificacións económicas.
A titular de Infraestruturas concretou que o Executivo autonómico analizará con Fomento as conclusións do plan experimental de bonificación das peaxes que levou a cabo no treito Puxeiros-Tui para estudalas e avaliar a implantación de novas bonificacións nos principais eixes de comunicación de peaxe da comunidade como a AP-53 ou a AP-9, entre Vigo e Redondela, que canalizaría o tráfico pesado cara ás instalacións portuarias.
Ethel Vázquez tamén anunciou que o vindeiro ano a Xunta destinará 400.000 euros a axudas á formación de cara a mellorar as capacidades dos transportistas en eidos tan transcendentais como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas, ou a eficiencia na xestión empresarial. Tamén serán subvencionables os cursos para obter o Certificado de Aptitude Profesional, o CAP.
O transporte de mercadorías ten ramificacións e estende a súa influencia a moitas outrasactividades económicas, facendo que os produtos e bens de consumo cheguen a calquera punto do mapa. Neste sentido, o Goberno galego continúa a traballar para que este sector poida ser cada vez máis eficiente e competitivo.
Ethel Vázquez indicou que a Xunta está simplificando os trámites para abrir novas gasolineiras, reforzando o control para que os operadores non superen o 30% da cota do mercado, e rebaixando os custos do chan empresarial para a instalación de novas estacións. Ademais estase a devolver cada ano o céntimo sanitario ao conxunto do transporte
profesional.