A Xunta de Voceiros do Concello de Lugo, presidida pola Alcaldesa, Lara Méndez, acordou esta mañá, na reunión que mantén antes de cada Pleno ordinario, unha Declaración Institucional a través da que solicita que a Xunta conceda a Medalla de Ouro de Galicia ao IES Lucus Augusti, que este ano celebra o 175 aniversario da súa creación, en recoñecemento non só do labor desempeñado por esta senlleira institución, senón tamén en representación de todo o ensino secundario da comunidade.
Neste texto consensuado, a Corporación subliña que o IES Lucus Augusti, cunha dilatada historia que arranca cunha Real Orde do 30 de novembro de 1842, é un referente cultural da cidade e da provincia. É o centro de ensino secundario máis antigo de Galicia e un dos máis veteranos de toda España, e polas súas aulas pasaron, ben como alumnos, ben como profesores, personalidades destacadas en diversos campos das ciencias, as artes ou a política, como, por exemplo, Armando Durán, J. Rodríguez Mourelo, M. Castro Gil, Julia Minguillón, Tino Grandío, Evaristo Correa Calderón, Antón Vilar Ponte, X. Filgueira Valverde, Antonio Fraguas, Álvaro Cunqueiro, Luis Pimentel, Ánxel Fole, Manuel María, Uxío Novoneyra, Manuel Fraga ou Leopoldo Calvo Sotelo.