Xa me gustaría que a idea fose miña, pero non, é do meu sobriño e afillado –a seguinte xeración sufridora- que levan veraneando en Miño desde o comezo dos anos oitenta, hai case corenta anos.
Xurdiu o comentario este verán, cando apareceu nalgúns puntos neurálxicos da España turística, onde os turistas, fonte de riqueza e cultura, se vían sorprendidos por unha campaña ignorante e sen sentido que arremetía contra quen acode a un determinado lugar con gañas de ver diferencias, apreciar singularidades, e investir esforzos para compensar atencións.
E aínda que eu coidaba que, por maior, era mais consciente da malquerencia de Miño polo turismo –especialmente polo lucense- o rapaz, que daquela non chegaba aos dez anos, comentou: a turismofobia inventarona hai moitos anos os de Miño para queixarse de que os de Lugo os invadíamos e lles arrebatábamos a monotonía existencial durante dous meses de verán.
En tempos, Miño dividíase entre os alugadores de pisos e os cultivadores de cebolas, que nos miraban por riba do ombreiro aos lucenses que acudíamos por forza –é a praia máis de preto da capital lucense-, nos cobraban alugueres excesivos por recunchos inhabitables, e provocábamos non sei cantas molestias.
Pasamos aqueles tempos mirando para outro lado – por exemplo, para a súa magnífica praia-, mercando pisos e apartamentos, facéndonos miñenses por dous meses ao ano, e a vida seguiu.
Os maltratados e mal considerados, fixémonos vellos. Os nosos fillos medraron e son pais. E agora son os nosos netos os que gozan de Miño, como dun lugar propio. Os nosos fillos case naceron ali. Os netos son tan de Miño como os que viven alí todo o ano.
O ano da turismofobia en España xa non queda memoria da turismofobia de Miño. Moitos dos turismofóbicos –por razón dos anos- xa non están por alí. Moitos dos lucenses fuxiron en busca de lugares onde foran máis apreciados. Os alugueres turísticos ilegais seguen anunciándose, pero hai moita menos demanda. Os de fóra, con trinta e cinco anos de antigüidade na propiedade das nosas vivendas, xa nos consideramos iguais en dereitos aos que noutrora sentían –inconscientemente- turismofobia.
O tempo vai amañando case todo. Porque agora, coa crise, o atractivo doutras zonas, a escasa atracción hosteleira (Hai excepcións. Sempre nos quedará a praia…), o temperamento laxo das súas xentes, os turismofóbicos terían gañado a batalla. Coma o Cid Campeador. Pero nós, experimentados por vellos, resistimos, porque sabemos que temos razón.