Cidadáns ven de rexistrar unha iniciativa no Congreso dos Deputados esixindo “concreción” ao Ministro do Interior, Juan Ignacio Zoido, en relación á nova comisaría de Policía de Lugo. A voceira de Cidadáns no Concello, Olga Louzao, afirma que “despois das preguntas peloteo de Barreiro a semana pasada no Senado para que o ministro do Interior se lucira quedamos como estabamos en relación á nova comisaría, porque nin aclararon prazos para a súa construción nin os orzamentos necesarios para que esta nova infraetrutura sexa unha realidade nesta lexislatura”.
Na iniciativa presentada polo grupo de Albert Rivera no Congreso, asinada polos deputados Miguel Ángel Gutiérrez e pola lucense Marta Rivera de la Cruz, Cidadáns pregunta ao ministro do Interior “para cando ten previsto o Goberno constuír a nova comisaría en Lugo” e “que cantidade prevé incluir no presuposto de 2018 e sucesivos para que esta infraestrutura se execute”.
Olga Louzao afirma que “é necesario que os próximos Presupostos Xerais do Estado, que o Goberno de Mariano Rajoy ten que negociar cos demais grupos, plasmen as cantidades necesarias para que a comisaría de Lugo sexa unha realidade antes de que acabe esta lexislatura”.
Do mesmo xeito, na iniciativa presentada polo grupo de Cidadáns no Congreso ponse de manifesto que actualmente a Policía Nacional conta na provincia de Lugo, sumando as comisarías de Lugo, Viveiro e Monforte, con 285 axentes, o que supón un déficit de 65 policías con respecto ao número de prazas existentes. Esa merma de efectivos fai que en numerosas ocasións a cidade de Lugo quede “desatendida”, con só un coche patrulla na rúa. Cidadáns pregunta a Juan Antonio Zoido se “considera que a presenza dun só coche patrulla resulta suficiente para garantir a seguridade dunha cidade de 98.000 habitantes” e se “ten previsto o Goberno a creación dun subgrupo de UPR tendo en conta que Lugo é a única provincia galega que non conta con efectivos deste tipo”.