O Deputado de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, e o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, entregaron este martes os diplomas aos participantes do 1º Curso de Especialización de Enoturismo que se celebra no Museo Pazo de Tor, no concello monfortino.
Trátase da acción formativa que organiza a APEHL (Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo) e que financia integramente o Goberno da Deputación cunha achega económica de 15.000 euros. O curso, no que participaron 16 lucenses que traballan na hostalería e no turismo, o impartiron reputados expertos do sector e contou con máis de 100 horas lectivas, que se centraron en 5 temáticas: cultura do viño; marketing e comunicación; habilidades comunicativas; xestión e enoturismo; e patrimonio. Os días 11 e 12 de decembro clausurarase esta formación cunha viaxe a Oporto para coñecer in situ o labor que están a realizar as diferentes adegas nesa zona vitivinícola de Portugal.
Vidal Baamonde destacou que “esta colaboración enmárcase dentro do Plan Estratéxico de Turismo da Provincia para aproveitar as potencialidades do entorno vitivinícola co que contamos na Ribeira Sacra, ao tempo que formamos a lucenses a través de profesionais en materia de enoturismo, un sector en alza e constate evolución. Con esta iniciativa queremos mellorar a eficacia na atención aos turistas da nosa provincia e incrementar a competitividade e a rentabilidade da actividade turística con servizos e atención de calidade, todo isto, arredor dun produto autóctono de referencia e calidade como é o viño”.
O Deputado de Turismo agradeceu á APEHL todo o traballo que realiza en defensa e impulso do conxunto do sector turístico da provincia de Lugo e apuntou que “dende o Goberno da Deputación non cesaremos coa actividade conxunta con este colectivo para facer de Lugo un referente turístico no país, aínda que non teñamos competencias directas neste eido”.