O Concello de Lugo acenderá as luces de Nadal este vernes, día 1 de decembro. Así o anunciou esta mañá a Alcaldesa, Lara Méndez, quen convidou aos veciños e veciñas a achegarse á Praza Maior, diante da Casa Consistorial, a partir das 18:30 horas, onde se concentrarán distintos actos lúdicos.
Para este momento, o Concello de Lugo ten preparado un photocall, no que toda a cidadanía se poderá facer fotografías e darlle a benvida a estas datas. Así mesmo, pide que se suban as imaxes ás redes sociais, baixo o hastag #LugoAcendeONadal para difundir a maxia do Nadal en Lugo. As nenas e os nenos tamén disfrutarán dun reparto de globos.
Lara Méndez adiantou que con estes actos colaborará o Mago Rafa, que xerará cun dos seus espectáculos a mellor das ilusións entre as persoas asistentes nun dos momentos máis máxicos do ano, o Nadal. Tamén participará o lugués Édgar Bao, que fará brilar máis aínda o Nadal na cidade. Para rematar, celebrarase un concerto do coro infantil da Escola Municipal de Música, que lle poñerá o broche de ouro musical ao acto.