Conde resalta o carácter innovador dos proxectos de coworking na Ribeira Sacra

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, mantivo hoxe en Monforte un encontro cos participantes no espazo coworking que a Xunta desenvolve en colaboración coa Escola de Organización Industrial (EOI) e no que participaron 20 novos emprendedores con outros tantos plans de negocio vinculados a diferentes sectores, como a educación e a formación, o turismo e a gastronomía, o agroalimentario e a agricultura, o comercio e o aeronáutico.

Tras coñecer os proxectos, o titular de Economía resaltou o carácter innovador de cada unha das iniciativas que, segundo apuntou, axudará a impulsar a economía da Ribeira Sacra. Conde sinalou que con este tipo de programas a Xunta favorece o emprendemento e axuda a mellorar a cualificación dos participantes, lembrando que unha das prioridades do Goberno galego é adaptar a formación dos traballadores ás necesidades reais que require o tecido produtivo: “Este coworking é unha aposta polo emprendemento , polo rural e pola comarca de Lemos para que poidamos crear emprego e seguir cultivando esta cultura do emprendemento”, indicou.

Na provincia de Lugo, xunto a este coworking, está en marcha o da mariña lucense en Mondoñedo, aos que se suman 6 máis por toda Galicia: en Santiago, con proxectos vinculados ao ámbito cultural, Ferrolterra (con sede en Ferrol); na Costa da Morte (Cabana de Bergantiños); Celanova; na comarca de Arousa (Vilanova de Arousa), especializado nos sectores alimentario e turístico, e Ourense, no CIS Madeira, onde a gran protagonista é a industria forestal.

O espazo coworking de Monforte é, polo tanto, un dos 8 que nesta segunda edición a Consellería de Economía, Emprego e Industria puxo en marcha para ser lanzadeiras en Galicia de 174 emprendedores e emprendedoras que presentaron un total de 165 proxectos profesionais, innovadores e, polo tanto, cunha cualidade diferenciadora no mercado. Avanzou, tamén, que a principios de ano abrirase a terceira convocatoria.

Colaboración entre Rozas e a industria forestal

Noutro orden, Francisco Conde, salientou esta mañá, en Lugo, que o polo tecnolóxico de Rozas vai colaborar coa Axencia Galega da Industria Forestal para elaborar un inventario da superficie arborada da Comunidade. Será, dixo, a través da licitación que se publicará nas vindeiras semanas para deseñar un proxecto que empregue o uso dos avións non tripulados en labores de xestión e planificación forestal.

Durante a súa intervención nun foro sobre as perspectivas de futuro da industria forestal en Galicia, Conde explicou que o sistema que se vai desenvolver desde Rozas vai permitir identificar a masa arborada en Galicia para elaborar un inventario propio segundo a superficie, o volume, a densidade de cada especie ou a carga de biomasa. Tamén localizar aqueles predios en réxime de concentración parcelaria que se atopen en estado de abandono.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com