A Consellería de Infraestruturas e Vivenda dá un prazo de 15 días hábiles ao Concello de Lugo para que solicite formalmente a compra ou aluguer dos locais comercias da Tinería que son propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS).
Nun escrito oficial, remitido no día de hoxe, a Xunta fai constar tamén que, en cumprimento dos principios de cooperación, colaboración e coordinación se procede a paralizar a tramitación da poxa pública dos locais, que xa estaba en marcha, para que o Concello de Lugo poida achegar a documentación requirida.
En concreto, a administración autonómica establece a necesidade de incorporar na solicitude formal que o Concello de Lugo efectúe o correspondente acordo adoptado polo órgano municipal competente que autorice a presentación ante o IGVS da solicitude formal de compra ou aluguer.
Superado ese prazo de quince días, de non ter recibido a solicitude formal do Concello, se procederá a retomar o expediente para súa venda en poxa pública, tal e como establece a normativa vixente para a posta no mercado destes locais comerciais cuxo uso contribuiría á dinamización deste histórico barrio lucense.
No escrito, a Xunta tamén aclara, que só se prevé como procedemento ordinario a venda ou alugueiro en poxa pública e, como procedemento especial, a adxudicación directa, xustificada en razóns de interese público ou social. Deste xeito desbota, por non estar axustada a dereito, a opción de cesión que o Concello consideraba de xeito preferente. Finalmente a contestación da Xunta ven acompañada dun anexo, que describe as características dos nove locais dispoñibles, que teñen un prezo de venda –taxado polos servizos técnicos oficiais da Consellería- de 505.371,59 euros.
O Concello alugará
A resposta do Concello de Lugo non se fixo esperar e asegurou, a primeira hora desta tarde, que ante a negativa da Consellería de ceder os locais á entidade local, o goberno de Lara Méndez adquirirá os locais en réxime de aluguer, que, segundo os prezos trasladados polo IGVS, suporá un importe total de 18.170,34 euros anuais, e fanno “antepoñendo coma sempre os intereses de Lugo e co fin de acadar a xestión dos locais para garantir a dinamización social e económica da Tinería”.
Esta mesma semana, a Alcaldesa reiterará ao IGVS unha solicitude formal optando pola adquisición directa en réxime de aluguer, decisión que xa lles comunicou esta mesma tarde aos membros da mesa de traballo para dinamizar o barrio da Tinería.