Tres persoas resultaron feridas despois de producirse sucesivas saídas de vía e colisións nas que se viron implicados oito vehículos esta tarde na A-8, ao seu paso por Ribadeo. Segundo os datos facilitados ao 112 Galicia, as vítimas foron trasladadas ao Hospital da Costa.
Os feitos producíronse á altura do punto quilométrico 514 da autovía, sentido Asturias. A forte precipitación de sarabia nese momento provocou que os vehículos escorregasen e colidisen. Foron varios os particulares os que alertaban ao 112 Galicia ao fío das 16.30 horas. Indicaban que tivera lugar unha colisión entre tres coches e que os demais vehículos que circulaban pola vía estaban derrapando.
Decontado, dende o Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia informouse do ocorrido ao 061-Urxencias Sanitarias, á Garda Civil de Tráfico, aos Bombeiros de Barreiros e a mantemento da vía. Finalmente, os vehículos implicados nos sucesivos accidentes foron retirados á beiravía e o tráfico quedou restablecido.