Todos os bosques de Galicia nunha soa parcela. Isto é o que permitirá a nova actuación do plan Lugo+Biodinámico, cofinanciado entre fondos europeos Life e o Concello, que aprobou este mércores a Xunta de Goberno, tal e como informou o voceiro municipal, Miguel Fernández. Trátase dun proxecto pioneiro que consiste na plantación de 55 especies distintas de árbores e arbustos autóctonos, representativas de todos os bosques de Galicia, nunha parcela pública das Gándaras de 5 hectáreas de superficie.
O deseño deste arboretum, que constará de medio milleiro de exemplares, permitirá que en cada estación do ano a parcela luza unha composición cromática distinta. Para conseguilo, cada exemplar plantarase con xeolocalización para conseguir a situación exacta.
Deste xeito, o proxecto creará un espazo de divulgación e participación aberto de maneira libre e gratuíta á comunidade educativa e científica e á sociedade lucense en xeral que permitirá achegarse aos hábitats máis representativos de Galicia. A dirección dos traballos, que conta cun orzamento de 49.000€, correrá a cargo do catedrático da Escola Politécnica, Antonio Rigueiro e, unha vez aprobados hoxe na Xunta de Goberno, poderán comezar de maneira inmediata.
Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou sacar a licitación o contrato de colaboración coa xestión recadatoria municipal en período executivo e coa xestión administrativa e recadación das multas de tráfico en período voluntario e executivo. O prazo do contrato, cun importe anual de 2,2 millóns de euros, é dun ano, con posibilidade de prórroga por outro. En todo caso, a finalización do mesmo quedará pendente e vinculada ao momento no que se atopen preparados todos os medios necesarios para que o servizo de recadación executiva sexa prestado completamente desde a Tesourería Municipal.
Na sesión de hoxe, a Xunta de Goberno aprobou as bases para o acceso en propiedade a dúas prazas de educadora social correspondentes á Oferta de Emprego Público de 2015. Súmanse ás 39 pertencentes ao cadro de persoal funcionario ou laboral do Concello cuxas bases se aprobaron na Xunta de Goberno da pasada semana. En materia de persoal, tamén saíron adiante as bases do proceso selectivo para a elaboración dunha lista destinada á cobertura interina de prazas de funcionario na categoría de oficial mecánico conductor.