Africor Lugo involúcrase no Centro de Recría coa promoción entre 1.500 gandeiros

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, o representante de Recría Castro S.L e membro de SERAGRO, Rogelio Grille Barbeira, e o Presidente de AFRICOR LUGO, José Carlos Vega Rodríguez, asinaron hoxe un convenio de colaboración mediante o cal a Asociación Provincial de Gandeiros de Lugo para o Control de Rendementos  (AFRICOR LUGO) se involucra oficialmente no funcionamento do Centro de Recría.

Comeza promocionando e dando a coñecer entre os máis de 1.500 gandeiros de toda a provincia que forman parte deste colectivo os servizos e vantaxes produtivas e económicas, entre outras cuestións, do que é o 1ºcentro de recría público en España.

Trátanse dunhas instalacións de titularidade pública, pois construíunas o Goberno da Deputación con 12 millóns de euros nas dependencias provinciais da Granxa Gayoso Castro que se sitúan no Concello de Castro de Rei, cuxa xestión controla o organismo provincial tras aprobar un modelo de concesión pública do servizo que así o recolle. Foi un procedemento de concorrencia competitiva cuxo concesionaria resultou ser Recría Castro S.L, que conta coa participación directa de SERAGRO.

Campos Conde explicou que a primeira actuación que se levará a cabo froito deste convenio consistirá en que os técnicos de AFRICOR, que son os encargados de recompilar mensualmente os datos de control leiteiro de 1.500 explotacións lácteas de toda a provincia, informen minuciosamente a estes profesionais sobre os servizos e vantaxes produtivas e económicas do centro de recría; as garantías destas prestación; os dereitos dos usuarios que recolle o regulamento elaborado polo Goberno da Deputación ou mesmo as vías e facilidades de uso destas instalacións públicas por parte de gandeiros lucenses. Cómpre destacar que son estes os que teñen preferencia de acceso, tal e como fixan os pregos que estableceu o Executivo Provincial.

Grille Barbeita apuntou que “a través desta nova colaboración poderemos chegar a máis produtores da provincia, que son os potenciais usuarios deste centro; pois a intención de Recría Castro é ofrecer aos gandeiros lucenses un servizo que redunde nun beneficio tanto económico como de mellora xenética dos animais”.

Pola súa banda, Vega Rodríguez destacou que “o Centro de Recría é unha oportunidade única para favorecer o desenvolvemento da cabana de gando frisón que temos na provincia de Lugo, unha das máis extensas de Galicia”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com