O pleno aprobou hoxe por unanimidade a proposta nacionalista de eliminar a simboloxía franquista que aínda queda en edificios públicos da cidade. O voceiro do BNG no Concello de Lugo, Rubén Arroxo, lembrou que estas imaxes son inconstitucionais e pediu retiralas canto antes, xa que lembrou, “non é a primeira vez que se leva a pleno esta cuestión”.
Todos os grupos deron o seu apoio, pero Cidadáns quixo presentar unha enmenda polo que se algunha das pezas que se retiran dos edificios conta con elementos de “alto valor artístico” poderíanse conservar nun museo; algo que tanto o PSOE como o BNG rexeitaron. Así o voceiro municipal, Miguel Fernández, aclarou que “se o BNG acepta esta emenda, retiraremos o noso apoio a esta cuestión”.
O voceiro municipal anunciou así que o Goberno, froito do seu firme compromiso co cumprimento da Lei de Memoria Histórica, incluirá nos Orzamentos do 2018 a partida necesaria para a elaboración dun inventario que contemple todos os símbolos franquistas que existen na cidade co fin de solicitar a súa retirada á administración ou particular correspondente ou ben, de permitilo a Lei, facelo o Concello de maneira subsidiaria.
Proposicións doutros grupos
Na sesión plenaria, o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, avanzou tamén que ten listo o proxecto técnico para acondicionar un novo canil nunha parcela pública situada en Serra de Ancares, petición levada a pleno polo Grupo Popular. A dotación orzamentaria necesaria para esta obra, que tamén inclúe a instalación de aparatos de ximnasia, é de 60.000 euros, que xa estaban contemplados no proxecto de presupostos que o Goberno preparou para o ano pasado e que volverá a incluír nos do 2018.
No debate plenario de hoxe tamén se aprobou por unanimidade esixir á Xunta de Galicia que reinvista de maneira íntegra o importe do canon da auga que pagan os lucenses (2,5 millóns de euros ata o día de hoxe) en infraestruturas hidráulicas para Lugo e que dispoña anualmente as partidas orzamentarias correspondentes para, en colaboración co Concello, nunha proporción de 70% administración autonómica e 30% entidade local, avanzar na execución das redes de saneamento. Deste xeito, saíu adiante unha emenda defendida polo voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural a unha proposta de Lugonovo sobre a mellora do saneamento e o abastecemento no rural.
Sen Orzamentos non é posible
O Goberno votou a favor de todas as propostas presentadas polos cinco grupos municipais da oposición, pero deixando claro que moitas das iniciativas non se poderán levar a cabo se non saen adiante os Orzamentos, polo que pediu colaboración e responsabilidade.