Santos Ramos enfronta con ilusión as últimas horas da carreira pola Secretaria Xeral do PSdeG en Lugo

Álvaro Santos Ramos é o Deputado de Relacións Institucionais, Voceiro Provincial e, agora tamén, candidato á Secretaría Xeral do PSdeG na provincia de Lugo. Nestas últimas horas de campaña, Santos Ramos quixo para aclarar un pouquiño máis á militancia socialista por que elixir o vindeiro domingo a Álvaro Santos como Secretario Provincial. Un candidato que se amosou ilusionado e con moitas ganas de darlle á volta ao partido socialista actual.

Xornal de Lugo: Dende antes de comezar a carreira pola Secretaria Provincial aquí en Lugo, falábase xa de bandos. E estes comentarios foron a máis cando os candidatos destes un paso á fronte. Falouse da candidatura besteirista, da candidatura de Caballero e, incluso, da candidatura de Martínez. Dende o principio preguntóuselle por iso e reiterou unha e outra vez que, a súa, só é a candidatura de Álvaro Santos Ramos. Pode dicirnos quen é e que ofrece Álvaro Santos como candidato á Secretaría Xeral do PSdeG-PSOE de Lugo?

Álvaro Santos: Bueno, son un rapaz de Friol que ten moitas inquedanzas políticas e con ideoloxía cen por cento socialista e o que podo ofrecer é un espazo no que todos participemos como iguais. Cando anunciei que me presentaba ninguén me acompañaba. Eu creo que todo o mundo sabe que non son o candidato de ninguén; é a miña candidatura, coa que se sinte representada moita xente. Pero o importante é que todos somos socialistas, que ofrezo un proxecto fresco e claro no que todos participamos, cambios importantes na metodoloxía e no modelo de partido e un espazo onde todos podemos participar e aportar a nosa experiencia e inquedanzas como militantes da provincia.

XdL: Vamos a entrar no seu programa. Resalta en diversas ocasións a importancia da militancia, de feito, ten pensado crear unha comisión das comarcas que achegará o partido á militancia. Que rol terá exactamente esa comisión?

A.S.: Os militantes teñen que ser os actores principais do partido, porque o son. E o partido debe recoñecerlles ese protagonismo e darlles ferramentas e instrumentos para que poidan aportar todo o que posúen á organización e á sociedade. Un deses instrumentos é o modelo territorial do partido, e nese modelo as comarcas son un núcleo no que poñer en común conxunturas, necesidades e ambicións específicas dese territorio que responden á súa dinámica produtiva e social.

XdL: Fala, no seu programa, de comarcas, e fala tamén de alcaldes e de unidade. Para acadar esa unidade serán os alcaldes os responsables do partido en cada comarca? Ou poden darse bicefalias?

A.S.: Non caben etiquetas nin bicefalias. Só temos unha etiqueta que é o Partido Socialista Obreiro Español. Os alcaldes teñen o seu espazo, somos un partido municipalista. E crer no municipalismo é recoñecer ás comarcas, ás agrupacións e, dende logo, ás alcaldías. Son unidades diferentes pero complementarias. O Consello de Alcaldes é un foro de debate de goberno local no que eses alcaldes e alcaldesas poidan poñer en común e definir estratexias que permitan que a sociedade se vexa beneficiada do impulso socialista.

XdL: Ese Consello de Alcaldes podería ser un pouco a dirección política do que se va facer na provincia?

A.S.: A directiva política corresponde á Executiva Provincial e van a decidila entre todos os militantes da organización. Na miña campaña non falei do posicionamento político do partido ao respecto de ningún tema, porque eso non depende do posicionamento do Secretario Xeral. O seu posicionamento debe ser tido en conta como o dun militante máis. O proxecto do PSdeG para a provincia ten que emanar dunha participación moi intensa e moi honesta dos militantes.

XdL: No seu programa, fala tamén da creación dun Consello Asesor, no cre que pode haber choques entre este Consello e o de Alcaldes?

A.S.: Non, é un consello asesor a efectos internos. Estará integrado por aqueles compañeiros que nalgún momento da súa vida desempeñaron responsabilidades ou cargos públicos de relevancia no partido. Este Consello nace para pór en valor esa experiencia acadada, como fortaleza do partido socialista. Non formará parte da dirección do partido, pero si colaborará con el.

XdL: Como prevé esa axuda que propón para apoiar e informar aos portavoces dos concellos a facer o labor de oposición dende a sede provincial?

A.S.: A sede provincial debe ser o punto de confluencia de todo o partido. A formación ten que ser a continuidade do traballo e vai a ser un eixo de acción da dirección desta executiva. Formar a todo o mundo, aos que son cargos e aos que non, que mañá poden selo. É algo que ten que facer o partido e telo que facer permanentemente.

XdL: Propón a creación dunha Secretaría Política que teña relación constante coa sociedade. Normalmente, estas secretarías políticas acaban facendo labores dentro do partido e deixan nun segundo plano esa conexión coa sociedade. Como resultado disto, en moitas ocasións os axentes sociais non saben a quen dirixirse para contactar co partido. Como prevé a xestión desa secretaría para non caer neste erro?

A.S.: A Secretaría Política forma parte dun cambio moi importante no modelo de partido. O PSOE, ata o de agora, sustentábase sobre unha única columna vertebral moi xerarquizada, na que o Secretario Xeral, co Secretario de Organización abaixo, e diferentes secretarías sectoriais atendían a todo.  O gran cambio que propoño é ir a un modelo dúal, con dúas grandes estruturas diferenciadas: a parte organizativa, que mira hacia dentro e dota de instrumentos e contidos ás agrupacións; e, por outro lado, a parte política con esa nova Secretaría Política que será a encargada de coordinar as diferentes secretarías sectoriais e esa relación coa sociedade da que resultará o proxecto. E ese é o meu gran reto: dotar ao partido dun proxecto que se identifique como proxecto do partido socialista máis alá de quen nos represente nun momento ou noutro e ten que surxir dese diálogo coa sociedade. Non cabe o risco de que esa secretaría se interiorice hacia o partido porque a súa misión vai a ser cara fóra.

XdL: Está a facer vostede unha intensa campaña nas redes sociais e percorreu xa toda a provincia en encontros cos militantes das distintas agrupacións e hoxe pecha na capital. Que lle queda por decir a Álvaro Santos á militancia?

A.S.: O que me queda por dicir é que voten,  que participen. Eu pido o voto para min, evidentemente. Pero que voten mais alá da persoa, a un proxecto. Teñen tres opcións diferentes entre sí pero cada un defende o que cre que é mellor para o partido. Eu comprométome a que os militantes serán os actores principais do partido na provincia e vou xerar os espazos para que todos poidamos sumar. Ese é o compromiso que asumo.

XdL: A candidata burelá, Patricia Otero, presentou onte o seu programa e pediu un debate público dos tres candidatos. Que ten que dicir a isto?

A.S.: Se ese debate se organiza por quen corresponde, non vai a haber ningún obstáculo pola miña parte para participar del. O que si creo é que ese debate debe xirar en torno á organización do partido. Se ese debate o transformamos en que defende o partido socialista, pois probablemente nos esteamos equivocando porque creo que o que defenda o partido debe surxir do traballo de todas e da nova dirección. Se alguén organiza o debate, Álvaro Santos participará del.

Se quere escoitar a entrevista completa, pode facelo aquí:

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com