O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, avanzou esta mañá que o Goberno Provincial recibiu no último mes 5 recoñecementos pola súa labor social dende a Rede Museística Provincial. Así o informou na inauguración da mostra Fotografía a Cegas IV Trato- Retrato que estará exposta no Refectorio do Museo ata o 6 de xaneiro e na que participaron 15 invidentes coa axuda de profesionais, artistas e persoal dos 4 museos.
“Énchenos de orgullo poder facer este anuncio cando precisamente o domingo celebramos o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, aínda que a nós non nos gusta utilizar este termo, xa que consideramos que non existen persoas con discapacidade, senón persoas con capacidades diferentes”, apuntou.
Campos Conde informou que “os 5 recoñecementos que recibiu o Goberno pola súa defensa dos dereitos das persoas son: Fundación Anade, pola integración social 2017, por todos os proxectos en defensa da plena inclusión; fomos incluídos no Banco Galego de Boas Prácticas en Xestión Cultural polo plan de inclusión que temos en marcha na Rede Museística; o proxecto Nos+utrxs en Rede recibiu a mención de honra no Premio Iberoamericano de Educación e Museos, polo seu papel en prol da igualdade de xénero; así mesmo, o proxecto Guerrilla de palabras: o oficio de palabreiro, é unha das dúas iniciativas internacionais seleccionadas por Ibermuseos para desenvolver no próximo ano; e, finalmente, o MINOM recoñeceu a labor social da Deputación elixíndoa a nivel mundial para custodiar o seu arquivo documental”.
“Creo que é necesario subliñar que a Rede Museística da Deputación é un exemplo de implicación e colaboración cos diferentes colectivos de persoas con capacidades diferentes. De feito, as instalacións nas que hoxe nos atopamos son unha boa mostra de que somos unha institución que pelexa porque non existan barreiras. Pois os nosos museos son un exemplo de accesibilidade en Galicia”, apuntou