O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, animou ao sector agroalimentario a seguir crecendo desde Galicia apostando pola dixitalización, a diversificación de mercados e a internacionalización. E, para acadar este obxectivo, garantiu o compromiso do Goberno galego, cun investimento neste bienio de 175 millóns de euros, para seguir impulsando novas medidas que permitan modernizar a industria galega.
Durante unha visita ás novas instalacións do Centro de Selección Xenética Avícola Friol I da empresa Coren, Feijóo lembrou que, con esta finalidade, a Xunta puxo en marcha a Axenda Industria 4.0, a folla de ruta coa que nos dous últimos anos acompañou a 4.200 empresas, contribuíndo a crear 11.500 novos empregos e mobilizando 342 millóns de euros.
Ao longo da súa intervención, Feijóo referiuse tamén aos datos do PIB do terceiro trimestre deste ano, que medrou en 8 décimas con respecto ao trimestre anterior e nun 3,1% no último ano. Unhas cifras que atribuíu ao esforzo do tecido industrial galego por saber anticiparse ao novo escenario e potenciar a súa capacidade para competir a través da innovación, o talento e de traballadores 4.0.
O presidente da Xunta concluíu destacando as novas instalacións do Centro de Selección Xenética Avícola Friol I da empresa Coren como exemplo do bo saber facer da industria galega. Un proxecto estratéxico posto en marcha para mellorar a produción e dar valor engadido aos seus produtos co obxectivo de seguir conquistando novos mercados.
“Estamos a falar dunha empresa que segue apostando por crecer, tomando como base a innovación e a I+D+i e desde aquí, desde Galicia”, abundou. Nesta mesma liña, salientou que o feito de que sexa unha planta autosuficiente, con caldeira de biomasa e deseñada para minimizar o seu impacto ambiental sen producir alteracións no contorno, a converten nunha instalación innovadora e punteira en Europa.