A Consellería de Cultura ten previsto iniciar o vindeiro ano unha nova serie de actuacións na Muralla de Lugo co fin de avanzar na súa conservación. Así o anunciou o conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, durante a súa intervención con motivo dos actos conmemorativos do 17 aniversario da declaración de Patrimonio Mundial deste monumento romano.
Segundo explicou, o ano que vén, no marco das actuacións que se están a realizar nos cubos LXX e LXXI, vanse exhumar dúas escaleiras romanas. O obxectivo é resolver o problema de filtracións que presentan, documentalas e volvelas a cubrir. Así mesmo tamén están previstas accións específicas para a posta en valor do túnel do cubo VI e a consolidación estrutural do cubo VII e o lenzo interior do seu contorno inmediato.
Román Rodríguez lembrou o “clima de ilusión” e o traballo colaborativo das distintas administracións que fixo posible articular un proxecto de calado que deu visibilidade nacional e internacional á candidatura a Patrimonio Mundial feito realidade o 30 de novembro do ano 2000. Nesta liña, emprazou a continuar apostando pola vía da cooperación para garantir a protección deste monumento, con actuacións de conservación e restauración planificadas, e a difusión dos seus valores patrimoniais.