A Xunta apoia a urbanización e mellora do acceso ao polígono de Becerreá

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiou con 120.000 euros as obras de urbanización do acceso ao polígono industrial de Becerreá, en concreto, a mellora da rúa Corteliña, que serve de conexión entre este espazo empresarial e o núcleo urbano desta localidade da Montaña lucense.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, acompañado do alcalde da localidade, Manuel Martínez, e doutros membros da Corporación municipal, comprobou o resultado das obras xa executadas e financiadas nun 80% a través da orde de axudas para a mellora de parques empresariais aprobada pola Xunta.

“O Goberno galego, aquí e noutros puntos da provincia, está comprometido coa mellora das infraestruturas dos polígonos industriais, convencidos de que estas iniciativas contribúen a incrementar a competitividade destes espazos, a completar a súa oferta de servizos e dotacións e facer, en definitiva, que resulten atractivos para o establecemento e o crecemento de proxectos empresariais”, dixo Balseiro.

Balseiro lembrou tamén que a Consellería de Economía, Emprego e Industria achegou nesta anualidade axudas por valor de 1,7 millóns de euros, para 23 proxectos na provincia de Lugo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com